Conclúe a restauración do retablo da igrexa parroquial de Nemenzo, alterado por ata cinco capas de pintura de épocas diversas

Saen á luz as pinturas orixinais, en especial unha escena sobre a que iría colocado un Cristo do que se descoñecía o seu emprazamento

Cun orzamento de 19.335 euros, as obras rematáronse en catro meses

O Consorcio de Santiago rematou a restauración do retablo da igrexa parroquial de Santa Cristina de Nemenzo, parroquia situada na zona norte do concello compostelán. A xerente do organismo, María Antón, e o concelleiro de Relacións Veciñais e tenente de alcalde, Francisco Noya, visitan mañá domingo o templo -onde ás 13:00 horas se celebrará unha misa- para coñecer in situ os resultados dos traballos. Cun orzamento de 19.335 euros, as actuacións comezaron a finais do pasado mes de xullo. A obra realizouna o restaurador Andrés Martínez Rey, xunto coas restauradoras Cristina Cabodevila e Sandra Domínguez.

O retablo da igrexa, localizado no altar maior da mesma, de estilo barroco, podería datar da segunda metade do século XVIII. Presentaba un estado de conservación bastante malo e nunca fora restaurado con anterioridade. Entre as alteracións que posuía, a máis preocupante eran as diferentes capas de repinte, polo menos cinco, realizadas en épocas diversas, que ocultaban a película pictórica orixinal. “Estes repintes burdos e mal aplicados chegaban ao punto de escorrentar pola cara e o corpo das imaxes. A aplicación das purpurinas tamén escorría por riba das pratas” -sinala o restaurador-.

O retablo está integrado por un conxunto de seis tallas. A principal é a de Santa Cristina, acompañada polas imaxes de San Antonio, San Xosé, a Virxe do Carme, a Asunción e San Roque. Fíxose unha restauración completa tanto do retablo como de cada unha das tallas, incluída a limpeza e reposición de pezas rotas, así como a recuperación da súa policromía e dourados orixinais.

No transcurso dos traballos descubriuse que, nos ocos do retablo onde se sitúan cada unha das seis tallas, baixo a última capa de repinte estaban agochadas as pinturas orixinais, en particular paisaxes. Ademais, no oco superior central, que estaba tapado de branco, apareceu o Monte do Calvario, unha escena da Virxe María e San Xoán, co sol e a lúa. Aquí estaría colocado orixinariamente un Cristo crucificado que a igrexa tiña almacenado e descoñecíase cal era o seu emprazamento.

Algunhas das imaxes perderan partes do seu corpo

Na roupa de cada unha das tallas apareceron colores azuis, vermellos e estrelas douradas nos lugares nos que antes da restauración había brancos e cores pastel. Ademais da perda de policromía, as imaxes presentaban golpes, sucidade superficial e falta de volumes, debido ao seu uso nas procesións. Tal como indica o restaurador Andrés Martínez, “as principais causas da degradación son o fume das candeas, o po, así como a humidade que se condensa na nave principal do templo. E posiblemente tamén houbese un pequeno ataque de xilófagos, polo que se levou a cabo unha desinsectación”.

Outra alteración importante era a falta de partes do corpo dalgunha imaxe, como os dedos e os brazos do neno que leva San Xosé ou o brazo do Cristo, que se repuxeron. Noutros puntos do retablo, en particular nas cornixas e nos niveis horizontais, onde se acumula o po, había unha perda notable de materia. Repuxéronse todas as madeiras que se perderan polo efecto da podremia e substituíronse por madeira de carballo.

Como paso previo á restauración, cambiouse o sistema de iluminación e cableado por outro coa calidade idónea para un recinto destas características. En concreto, instaláronse lámpadas de led, que emiten luz branca, xa que segundo os expertos esta luz non dana tanto a policromía.