A soprano catalá Elena Copons, o tenor galego Diego Neira e 150 voces profesionais e de afeccionados uniranse no concerto de Nadal da Real Filharmonía de Galicia

Interpretarán unha selección dos fragmentos máis coñecidos do “Mesías” de Haendel, incluído o famoso “Halleluja”

O actor Evaristo Calvo actuará como narrador ao longo de todo o concerto

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra, como cada ano por estas datas, o tradicional concerto de Nadal. Para esta ocasión optouse por un concerto participativo, no que profesionais e afeccionados unirán as súas voces nesta singular experiencia musical. A cita será o vindeiro venres día 20, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. A batuta levaraa o director titular da orquestra, Paul Daniel.

A primeira parte arrancará co Concerto de Nadal do compositor italiano Arcangelo Corelli (1653-1713). Destaca a pastoral que pecha esta obra, coas súas gaitas e ritmos sicilianos, un tipo de música que imita á dos pastores.

A continuación a orquestra interpretará a panxoliña anónima O veni, veni, Emmanuel, coas voces do coro de nenos da Escola Municipal de Música de Santiago, que dirixe Simona Kantcheva e que reunirá a preto de corenta rapaces. Esta panxoliña de autor descoñecido é de orixe medieval, datada en Francia no século XII. O seu texto baséase nunha profecía bíblica que di que Deus lle dará a Israel un sinal baixo o nome de Emmanuel. Pola súa parte, a música ten a súa orixe no século XV como un himno procesional que usaban os monxes franciscanos franceses para os seus servizos funerarios.

A orquestra tocará de seguido a Sinfonía nº 5 do compositor británico William Boyce (1711-1779). Con esta obra rematará a primeira parte do concerto.

O Mesías de Haendel

A segunda parte do concerto centrarase no Mesías de Georg Friedrich Haendel (1685-1759). O músico alemán compuxo esta obra en Londres no ano 1741, en apenas tres semanas. Aínda que tradicionalmente se asocia co Nadal, este oratorio trata non só do nacemento de Xesús, senón de toda a súa vida. É unha obra que destaca pola súa monumentalidade en canto a duración e proporcións sonoras.

Trátase dun texto en tres actos, divididos en escenas, sobre fragmentos do Antigo e do Novo Testamento, onde os coros teñen un protagonismo particular. Nesta obra as voces requiren un virtuosismo extremo, posúen a elocuencia e a identidade dun personaxe máis.

A Real Filharmonía de Galicia tocará un total de 11 fragmentos da obra, os máis coñecidos, incluído o famoso “Halleluja”. A soprano catalá Elena Copons e o tenor galego Diego Neira estarán acompañados polo coro da Capela Compostelana. Ademais, nesta ocasión a interpretación do Mesías realizarase coa participación popular nalgúns dos extractos seleccionados. Participarán nesta iniciativa uns 90 afeccionados, dende persoas a título individual e de todas as idades, ata rapaces chegados de distintos colexios ou integrantes de agrupacións procedentes de diferentes puntos de Galicia.

O xoven tenor compostelán Diego Neira actuará como solista e o actor Evaristo Calvo como narrador

O xoven tenor compostelán Diego Neira obtén o título de Grao Profesional de Canto no Conservatorio de Santiago de Compostela con Mención de Honra. Na actualidade cursa o último ano de Interpretación no Conservatorio Superior de Música da Coruña co profesor Antón de Santiago. Destacan os seus papeis como solista en programas do Renacemento e o Barroco e ten protagonizado óperas como “Bastian e Bastiana” de Mozart ou “A historia do soldado” de Stravinsky. É membro da Capela Compostelana e do Orfeón “Terra A Nosa”, onde ademais é profesor de Canto do coro infantil. 

O actor galego Evaristo Calvo, integrante do dúo cómico Mofa e Befa, intervirá ao longo de todo o concerto a xeito de narrador. A súa función será a de servir de fío condutor entre as diferentes obras, explicándolle ao público a relevancia de cada unha delas.