O Consorcio de Santiago aproba os presupostos para o vindeiro ano, que ascenden a 9.717.471,05 euros

Habilitarase unha liña de axudas por valor de 95.000 € para a mellora enerxética e estética dos edificios de titularidade privada

No marco do Plan de Xestión da Catedral, destinaranse 1.427.379 € para continuar co proxecto de restauración das torres

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do Consorcio, Ángel Currás. Entre os temas abordados na orde do día, o principal foi a aprobación dos presupostos do organismo para o vindeiro ano, que ascenden a 9.717.471,05 euros. A aportación da Administración Xeral do Estado é de 4.795.150 €, o Concello de Santiago achega 1.361.295,28 € e a Xunta de Galicia 3.284.413 €.

Para os gastos correspondentes a Dirección e Administración Xeral, o Consorcio destinará un total de 907.141,21 €, o que representa un 9,34% do orzamento global. Ademais, a estrutura deste presuposto componse de tres programas operativos: Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica, para o que se dedicarán 530.900,56 € (5,46% do total); o Programa de Recuperación Urbana ten un orzamento de 3.370.196,84 € (34,69%); e o Programa de Dinamización Turístico-Cultural conta cun presuposto de 4.909.232,44 € (50,51%).

O Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica

No marco deste programa recóllense unha serie de actuacións para o vindeiro ano. Destaca a continuación de iniciativas vencelladas ao Sistema de Información Patrimonial da cidade de Santiago de Compostela (SIP). Así, realizarase a catalogación e o arquivo das intervencións do Consorcio ao longo da súa historia para introducir os datos no SIP. E incluiranse os planos dos edificios máis importantes da cidade.

Por outro lado, o Departamento de Estudos Históricos e Publicacións manterá o seu labor de difusión e divulgación dos resultados da investigación centrada na cidade compostelá e a dixitalización de arquivos vencellados á cidade histórica. Ademais, en 2014 o Consorcio proseguirá coa xestión do Museo das Peregrinacións e da Casa do Cabido e coa realización de actividades culturais no seu seo e tamén en colaboración con outras entidades, de cara á promoción da cidade de Santiago. Por outro lado, o organismo continuará durante o vindeiro ano coa elaboración do Plan Especial Director de Ordenación e Rehabilitación do Camiño Francés de Santiago no termo municipal.

O Programa de Recuperación Urbana

O Programa de Recuperación Urbana é o obxectivo primordial do Consorcio de Santiago e mantén o nivel de investimentos do exercicio pasado. Para 2014 prevense actuacións en edificacións de titularidade privada, coa posta en marcha dunha liña de axudas destinadas ao mantemento do parque edificado, con especial atención a todo o relativo ao aforro enerxético, mellora da estética exterior, contaminación visual e lumínica… entre outros aspectos. Para esta liña de axudas habilitarase un crédito de 95.000 euros.

Nos espazos públicos levaranse a cabo unha serie de actuacións encamiñadas á súa ordenación e adecentamento. No relativo á conservación e protección dos monumentos, para o exercicio 2014 o Consorcio destinará 1.427.379 euros para a continuación do proxecto de restauración das Torres da Catedral iniciado este ano, iniciativa incluída no Plan de Xestión da Catedral.

Neste programa enmárcanse outras iniciativas xa en marcha como a construción do Centro Nacional de Formación en Rehabilitación, impulsado pola Fundación Laboral da Construción e financiado con Fondos Feder.

O Programa de Dinamización Turístico-Cultural

Neste programa inclúense diversas actuacións, entre elas a mellora na docencia artística, o incremento da exhibición musical, xunto á promoción dos mozos no eido musical. Nesta liña, este é o terceiro ano de xestión conxunta da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais.

Ademais, o Consorcio colaborará co Concello de Santiago na realización do espectáculo dos Fogos do Apóstolo, co Auditorio de Galicia para o desenvolvemento do festival de cine “Cineuropa” e coa Universidade de Santiago no programa “ConCiencia”. O organismo apoiará tamén outras iniciativas de dinamización cultural, como a Fundación Eugenio Granell ou “Música en Compostela”. Por outro lado, durante o vindeiro ano mantense o convenio co Concello de Santiago para a sinalización dos recursos patrimoniais e turísticos da cidade.