Nenos de entre 6 de 12 anos poderán asistir este sábado, no Museo das Peregrinacións, a un taller sobre a antiga muralla que rodeaba Santiago

Con pezas de construción reproducirán un tramo da propia muralla, unha das súas portas e ata a planta da Catedral de Santiago

O Consorcio de Santiago está a organizar no Museo das Peregrinacións e de Santiago  (sede Praza das Praterías) uns talleres sobre a antiga muralla medieval que rodeaba a cidade compostelá. Esta iniciativa, dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 nos, arranca este sábado, día 7, e desenvolverase entre as 16:00 e as 18:00 horas. Todos os interesados poderán inscribirse de xeito gratuíto no propio museo ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Haberá máis talleres nas vindeiras fins de semana de decembro e ata mediados de xaneiro.

As actividades realizaranse no Museo das Peregrinacións. A través de diferentes experiencias lúdicas os rapaces terán a oportunidade de coñecer as características e a importancia da muralla que protexeu a cidade dende o século XI ata que se derrubou. Así, esta fin de semana proporáselles un xogo de espadas, para que entendan o valor da defensa en épocas pasadas da nosa historia.

Cada un dos nenos medirá a altura do seu corpo, co fin de que se fagan unha idea das dimensións que tiña a muralla, tanto en altura como en lonxitude, ao tempo que se comparará coa Gran Muralla China e coa de Lugo. E por medio de xogos co seu propio corpo van poder comprender determinados aspectos relativos á protección e ao poder.

Por outro lado, traballarán con pezas de construción baseadas no “sistema Lupo”, unha ferramenta didáctica integrada por un conxunto de sete pezas que permiten crear case calquera construción (arcos, soportais…). En concreto, os rapaces que participen nesta iniciativa reproducirán un tramo da propia muralla e tamén unha das portas da mesma, unha fonte, unha casa con galería e ata a planta da Catedral de Santiago. Cada plano ten diferentes diferentes niveis de complexidade, o que permite adaptalos segundo as idades dos nenos. Son unha especie de quebracabezas en tres dimensións.

Ademais das actividades no Museo, os días con bo tempo os rapaces desprazaranse cos monitores a algúns dos espazos relacionados coa antiga muralla. Este sábado está previsto que fagan unha saída aos exteriores da Catedral.