Os traballos de eliminación de humidades na capela do Cristo de Conxo, exemplo de conservación do patrimonio e do medio ambiente

A incorporación de canalóns afectaba a unha ave protexida que cría nas cubertas da capela, polo que se deixaron ocos nos aleiros que lles permitirán entrar e construír os seus niños

A xerente do Consorcio, María Antón, supervisou esta mañá as tarefas de rehabilitación, que están a piques de rematar

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago está a promover a eliminación de humidades na capela do Santo Cristo de Conxo. Os traballos, que comezaron a principios de setembro, rematarán ao longo deste mes. A empresa adxudicataria da obra é Construcciones Abal e o orzamento global ascende a 109.749,58 euros. Esta mañá a xerente do Consorcio, María Antón, visitou a capela para coñecer de primeira man a evolución das tarefas de rehabilitación, en compañía do párroco, Manuel Pérez, e dos responsables da empresa encargada dos traballos.

Tal como explica a arquitecta do Consorcio Lourdes Pérez, “a capela estaba moi afectada por humidades. Para atallar este problema, estanse a incorporar canalóns nos aleiros da cuberta, destinados á recollida da auga da chuvia, e fíxose unha revisión completa de todos os rexuntados das fachadas da igrexa. Por outro lado, realizouse unha drenaxe dos muros perimetrais. E restauráronse e nalgúns casos substituíronse as carpinterías exteriores deterioradas por outras que van permitir unha correcta impermeabilización e ventilación da edificación”.

O cirrio común, unha ave que chega de África cada primavera para reproducirse

No tellado da capela ten establecidos os seus niños unha colonia de cirrio común, unha ave protexida e beneficiosa para o home por alimentarse principalmente de moscas e mosquitos. Ademais, son aves limpas que non producen sucidade nas fachadas nin danos nos edificios. Pero o seu número está a descender en toda Europa debido sobre todo a que aniñan nos ocos dos edificios e as restauracións non coidadosas tapan os seus niños.

Así, a instalación de canalóns na cuberta da capela de Conxo impediríalles a estes paxaros entrar nos aleiros, onde crían. A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife), a través da súa delegación en Galicia, ten localizadas todas as colonias de cirrios que hai na cidade. Deste xeito, o Consorcio de Santiago colaborou con esta organización ecoloxista, co fin de garantir a conservación desta especie. En concreto, deixáronse ocos nos aleiros para que os cirrios poidan acceder ás cubertas da igrexa e sigan a construír alí os seus niños.

Debido á súa anatomía e necesidade de dispor de ocos axeitados onde construír os niños, os cirrios só se reproducen en localizacións moi determinadas que cumpran cuns requisitos especiais. Unha vez seleccionados eses lugares, as parellas son fieis aos seus niños ano tras ano, retornando a eles á volta da súa invernada en distintas zonas do centro e sur de África. Chegan a España a finais de abril para reproducírense nos ocos dos edificios e marchan en agosto ou a principios do outono para pasar o resto do ano nos ceos do continente africano.

A capela está construída sobre un antigo convento

A igrexa de Santa María de Conxo data de 1999. De traza neoclásica, foi construída sobre os restos do antigo convento de Benedictinas mandado erixir polo arcebispo Xelmírez. A capela deseñouna o arquitecto Simón Rodríguez. Da primeira fábrica consérvanse os arcos e as columnas do claustro románico. De interese son os altares e as imaxes, en particular a talla do Cristo de Conxo, atribuída ao escultor Gregorio Hernández.