A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Zumalave, desprázase esta semana a Ferrol para interpretar obras de Beethoven, Strauss e Bal y Gay

O concerto celebrarase no Teatro Jofre o xoves 5, ás 20:30 horas, promovido pola Sociedade Filarmónica Ferrolá

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana o seu concerto na cidade de Ferrol. Baixo a batuta do director compostelán Maximino Zumalave, a orquestra interpretará obras de Beethowen, Strauss e Bal y Gay. Será o vindeiro xoves, día 5 de decembro, ás 20:30 horas, no Teatro Jofre. A velada musical é unha iniciativa promovida pola Sociedade Filarmónica Ferrolá no marco do seu ciclo de concertos.

Na primeira parte do concerto, a RFG tocará a Serenata para orquestra de cordas do compositor, investigador e musicólogo galego Jesús Bal y Gay (1905-1993). Das escasas obras que compuxo, esta estreouse en México en 1943, ao ano seguinte da súa composición, e está  considerada como unha das súas mellores partituras. Unha peza sinxela pero con moito gancho, que desborda nos seus quince minutos de duración.

A continuación, a orquestra interpretará a Serenata en Mi bemol maior para 13 instrumentos de vento do compositor alemán Richard Strauss (1864-1949), un dos máis importantes compositores do seu país de finais do século XIX e primeira metade do XX. Unha obra escrita na súa xuventude, cando só tiña 17 anos e na que se empregan trece instrumentos de vento: 2 frautas 2 óboes, 2 clarinetes, 2 fagots, 1 contrafagot e 4 trompas. Ten unha duración aproximada de dez minutos.

E, para rematar, a terceira sinfonía de Beethoven

Na segunda parte do concerto, os músicos da Real Filharmonía de Galicia achegarán ao público a Sinfonía nº 3 en Mi bemol maior de Beethoven (1770-1827). Trátase da obra “Heroica”, que orixinariamente ía levar o título de “Bonaparte” porque estaba dedicada a Napoleón, a quen o compositor alemán consideraba a encarnación dos ideais da Revolución Francesa. Pero xusto cando Beethoven tiña rematada a obra, en maio de 1804, Napoleón Bonaparte autoproclamouse emperador, polo que considerou que esta acción constituía unha traición aos ideais que tiña proclamado. Os seus cincuenta minutos de duración porán o broche final ao concerto da Real Filharmonía de Galicia en Ferrol.

O director compostelán Maximimo Zumalave dirixiu importantes orquestras nacionais e internacionais, mesmo o coro de RTVE

Nesta ocasión a batuta da Real Filharmonía de Galicia levaraa o director e pianista compostelán Maximino Zumalave. Do Jofre destaca que “é un teatro fermosísimo ao que vamos con certa frecuencia, recuperado ademais hai pouco tempo por un arquitecto santiagués”. E canto ao concerto, sinala que se trata dun “programa bastante variado, cunha gran música europea”. Salienta a obra de Bal y Gay como “unhas das obras máis importantes do repertorio clásico galego”. Nesta liña, manifesta: “Interésame moito que a música galega do pasado e do presente teña presenza habitual nos nosos concertos, creo que é parte do deber ineludible dunha orquestra de Galicia”.

Zumalave desenvolveu a súa formación musical en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. En 1906 fundou a Real Filharmonía de Galicia, compartindo a dirección con Helmuth Rilling ata o ano 2000. Dende entón segue vencellado á mesma como director asociado e tamén é director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

Con el teñen actuado os e as solistas máis prestixiosas. Destaca en particular a súa frecuente colaboración coa mezzosoprano Teresa Berganza. Ten dirixido importantes orquestras internacionais e no noso país levou a batuta da Orquestra Nacional de España, a Sinfónica de Madrid, a Orquestra Cidade de Barcelona, a Sinfónica de Tenerife, a Sinfónica do Principado de Asturias, a Orquestra de Cámara Raíña Sofía, a Bética-Filarmónica de Sevilla, a Orquestra Cidade de Granada, o Coro de RTVE ou o Coro da Fundación Príncipe de Asturias, entre outras moitas agrupacións.