O músico británico Andrew Marriner, que participou en bandas sonoras de películas como “Harry Potter”, imparte unha clase de clarinete na Escola de Altos Estudos Musicais

Foi clarinete principal na Orquestra Sinfónica de Londres

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) conta cun programa de formación permanente dirixido a todos os músicos galegos, tanto no ámbito profesional como no afeccionado, interesados neste eido. No marco deste programa, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional.

Durante este mes de decembro impartiranse clases maxistrais de clarinete, percusión, trompeta, violonchelo e trompa. Esta semana estase a celebrar unha clase de clarinete, que comezou o luns e se prolongará ata mañá mércores. O recoñecido clarinetista británico Andrew Marriner mostraralles aos alumnos asistentes o seu virtuosismo con este instrumento de vento.

Un profesor moi solicitado en conservatorios de todo o mundo

Andrew Marriner foi clarinete principal na Orquestra Sinfónica de Londres e tamén na Academia de St. Martin in the Fields. Ademais da súa carreira orquestral mantén unha intensa actividade como solista internacional e como músico de cámara. Tocou con agrupacións de todo o mundo, en particular en Europa, América, Asia e Australia e compartiu escenario coas figuras máis distinguidas no ámbito da música camerística.

Os seus concertos retransmítense con regularidade pola BBC Radio. Como membro da Orquestra Sinfónica de Londres, ten colaborado en ducias de bandas sonoras de cine e televisión. Destacan as “oscarizadas” Amadeus, Braveheart e O discurso do rei. Tamén participou na música doutras producións cinematográficas tan populares como é o caso de Harry Potter.

Marriner imparte clases en conservatorios de distintos continentes, mesmo en Australia e China, e é docente da Real Academia de Música de Londres. Forma parte do xurado de certames internacionais de música. E ten gravado a maior parte do repertorio para clarinete con selos discográficos como Philips ou EMI.