Os máis pequenos terán a oportunidade de coñecer a antiga muralla de Santiago a través de talleres

Celebraranse dende o 1 de decembro ata mediados de xaneiro, no Museo das Peregrinacións e en diferentes puntos da cidade

Converteranse en canteiros da Idade Media e poderán construír a muralla cun enorme quebracabezas, entre outras moitas experiencias

O Consorcio de Santiago está a organizar no Museo das Peregrinacións e de Santiago  (sede Praza das Praterías) uns talleres sobre a antiga muralla medieval que rodeaba a cidade compostelá. Comezan este domingo, 1 de decembro, e celebraranse ata mediados de xaneiro. Poderán participar nenos e nenas de 6 a 12 anos. A inscrición é gratuíta e deberá realizarse no propio museo ou no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Os talleres terán un máximo de 15 participantes cada un e un mínimo de 5. O Museo das Peregrinacións será o lugar de encontro e onde se realizarán as principais actividades. Pero ademais, os días con bo tempo, os rapaces terán a oportunidade de desprazárense a algúns dos espazos relacionados coa muralla na cidade.
 
DATAS DOS TALLERES

-Xoves: 26 de decembro e 2 de xaneiro (de 16:00 a 18:00 h)
-Venres: 6 e 27 de decembro e 3 de xaneiro (de 11:00 a 13:00 h)
-Sábados: 7, 14, 21 e 28 de decembro e 4 e 11 de xaneiro. Dous talleres: polas mañás de 11:00 a 13:00 h e polas tardes de 16:00 a 18:00 h. E o 18 de xaneiro, un taller de 11:00 a 13:00 h
-Domingos: 1, 8, 15, 22 e 29 de decembro e 5 e 12 de xaneiro (de 11:00 a 13:00 h)

Dende o século XI a cidade de Santiago foi protexida por unha muralla. Esta cerca sufriu varias reconstrucións ao longo do tempo, ata que se derrubou na súa totalidade. Pero aínda se conservan algunhas partes, poucas á vista e a maioría ocultas tralas fachadas dos edificios e baixo o pavimento das rúas e prazas. 

Estes talleres representan unha oportunidade formidable para que os máis novos descubran a súa orixe, que forma tiña, quen a ergueu, características e usos… Entre as numerosas experiencias que terán ocasión de vivir, poderán, por exemplo, converterse por un día nun “mestre canteiro” da Idade Media. E facer todo isto visitando as rúas de Compostela e mesmo levantando unha enorme construción cun gran quebracabezas. A finalidade é que os rapaces aprendan e investiguen ao tempo que xogan e se divirten.