O alcalde de Santiago visita catro das sete fontes históricas restauradas na cidade

Son as de Fonseca, Fonte Sequelo, Virxe da Cerca e Porta do Camiño, que se completan coas de San Martiño Pinario, Toural e Santa Clara

Ademais da restauración, recuperouse a súa funcionalidade e deseñouse un plan de mantemento, limpeza e conservación axeitada das fontes

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promoveu a restauración de sete fontes históricas da cidade. O alcalde, Ángel Currás, acompañado da xerente do Consorcio, María Antón, visitaron esta mañá catro delas para comprobar os resultados dos traballos. Trátase das fontes de Fonseca, Fonte Sequelo, Virxe da Cerca e Porta do Camiño. Ademais, restauráronse as de San Martiño Pinario, Toural e Santa Clara. O proxecto, cun presuposto global de 93.083,50 euros, está financiado polo Ministerio de Fomento.

O arquitecto do Consorcio responsable do proxecto, Xosé Allegue Fernández, sinala que “ademais da restauración, buscábase a recuperación da súa funcionalidade, conservación e posta en valor”. Así, as diferentes intervencións complétanse co deseño dunha estratexia de mantemento, limpeza e conservación axeitada das fontes. Nesta liña, restableceuse o abastecemento da rede histórica onde foi posible, nas fontes con manancial propio revisouse a captación e comprobáronse as fugas, mentres que nas fontes ornamentais deseñouse un sistema de filtrado e recirculación para evitar un consumo innecesario de auga. Os traballos contaron cun equipo multidisciplinar, formado por un arquitecto, un arqueólogo, un restaurador e un enxeñeiro.

Fonte de San Martiño Pinario

Está alimentada directamente pola arqueta principal da rede histórica de abastecemento. A súa posición actual na praza do mosteiro de San Martiño Pinario data de 1964, segundo o proxecto do arquitecto Pons Sorolla. Con anterioridade, a antiga fonte de San Miguel situábase no lateral da praza, mentres que na actualidade ocupa a esquina sueste. Dos seus tres canos manaba moi pouca auga. Realizouse unha limpeza química xeral de musgos, algas e outra sucidade e unha limpeza con microproxección de abrasivos local nas partes inferiores, as máis deterioradas. Restauráronse as barras de ferro que fan de asento aos contedores de auga. Picáronse as xuntas de cemento no conxunto para facer un novo rexuntado con morteiro de cal e area. E incorporouse unha nova peza do sumidoiro en pedra de gran. O presuposto ascendeu a 10.020 euros.

Fonte Sequelo

As súas primeiras referencias históricas datan do século XII. Sitúase na rúa Xelmírez. A auga provén dun manancial propio e non se considera apta para o consumo. O desaugadoiro fora modificado incorporando un sumidoiro sobre a pía, polo que se recuperou o vaso de vaciado orixinal. Este desaugadoiro provocaba que o salpiqueo da auga fora constante, mollando toda a plataforma e facendo que profiferasen musgos e outra vexetación. Reparáronse as fugas que tiña o canal de alimentación da fonte e fíxose unha limpeza de vexetación e sucidade. Substituíuse o vello cartel de plástico de aviso de non potabilidade por unha placa de bronce e o cano de aceiro reemprazouse por outro de fundición. As obras tiveron cun custo de 12.496 euros.

Porta do Camiño

As primeiras mencións aparecen na documentación municipal do século XVI. Sitúase xunto á entrada do Camiño Francés e está abastecida pola rede histórica. Presentaba problemas no desaugadoiro e a pía estaba parcialmente obstruída. O corpo da fonte tiña varias zonas deterioradas. Tamén se apreciaban diferentes graos de sucidade e na parte superior medraban os musgos e os liques. Restauráronse tanto as barras de ferro que facían de asento aos contedores de auga como os dous canos de bronce. Ademais, na beirarrúa que rodea a fonte había varias lousas afundidas. Os traballos supuxeron 13.012,50 euros.

Fonte do Toural

Situada na praza do Toural, construíuse en 1820-21. Está formada por unha pilastra central con catro canos, rematada por un xarrón esculpido nunha pedra diferente e que se incorporou en 1948 coa remodelación de Pons Sorolla, e que substituíu a unha estatua do deus guerreiro Marte. Abastécese da rede histórica e manaba pouca auga debido a algún atasco e, ademais, presentaba fugas. Toda a fiada superior atopábase lixeiramente desprazada polo impacto dalgún vehículo. Desatascáronse os canos, restauráronse as barras de ferro que facían de asento aos contedores de auga e limpouse o xarrón decorativo. Fíxose unha limpeza química xeral de musgos, algas e outra sucidade. E reparouse o sistema de baleirado e rebordo. As obras alcanzaron os 18.630 euros.

Fonte de Fonseca

Situada na praza de Fonseca, nas súas orixes puido estar nunha finca privada fronte ao convento de Santa Clara. Na actualidade aliméntase da rede pública de abastecemento, aínda que, debido á accesibilidade da cámara dende a que se verte a auga, esta non debería considerarse potable. Os sumidoiros manchaban de óxido ou barro as esculturas situadas debaixo. Faltaban dous dos canos de metal e as esculturas dos anxos sofrían comezos de degradación da pedra. As pezas do pío estaban moi deterioradas. E, ademais, ao pé da fonte, dúas tapas metálicas que aloxaban as arquetas de abastecemento e desaugadoiro afeaban o conxunto. Revisáronse os condutos que a abastecen. Os traballos ascenderon a 21.811 euros.

Fonte de Santa Clara

Situada no Campo de Santa Clara, fronte ao convento, construíuse en 1575 en virtude dun acordo entre as relixiosas do convento e os veciños, aínda que a súa forma e localización actual data de 1900. Está conectada á rede pública de abastecemento pero de maneira deficiente. Ademais, a pía estaba desnivelada, o que producía que cada vez que se usaba a fonte discrurría un chorro polo seu bordo ata o exterior. O cano orixinal fora substituído por outro descontextualizado e sobre un relevo de pedra, polo que se introduciu un novo de bronce e tamén se incorporou un pulsador de pé en bronce. A coroación da fonte estaba moi colonizada por musgos e liques. Reparouse a arqueta de fontanería e as chaves de apertura. As obras representaron un custo de 7.210 euros.

Fonte de Virxe da Cerca

Localízase na rúa da Virxe da Cerca. Tamén se coñece popularmente como a fonte da Serea debido á figura que a adorna. As súas primeiras referencias documentais datan de 1842. Non tiña auga debido a que o pío podía presentar numerosas fugas. A auga vén da rede e, polo tanto, é potable, pero ao ser unha fonte ornamental o seu consumo é permanente, polo que se fixo que o exceso de auga se conducise a un circuíto de bombeo e recirculación co fin de evitar o consumo excesivo. En xeral, o estado de rexuntados era deficiente, non posuía desaugadoiro nin sumidoiro e as pezas do vaso atopábanse moi deterioradas. Un escultor interviu na escultura da esfinxe e substituíuse o tubo de aceiro da súa boca por outro máis apropiado en bronce. Fíxose unha limpeza xeral de musgos, liques e outra sucidade. E reparáronse as pezas rotas por un vehículo que hai anos caera polas escaleiras sobre a fonte. Os traballos alcanzaron os 9.904 euros.