Músicos da Real Filharmonía de Galicia e alumnos do Conservatorio de Santiago celebrarán concertos conxuntos dirixidos ás familias

Varios compoñentes da orquestra están a impartir estes días clases aos rapaces para preparar os recitais

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) colabora, dende hai tempo e de xeito continuado, en diversas iniciativas co Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Entre estes proxectos destaca a celebración de concertos conxuntos entre músicos da orquestra e xoves alumnos do Conservatorio, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos.

A principios do vindeiro ano celebraranse varios destes concertos, que terán lugar no Auditorio de Galicia. Trátase de concertos con carácter didáctico e tamén dirixidos ás familias, nos que participarán músicos das dúas agrupacións. Tal como se fixo en edicións anteriores, a idea desta proposta cultural e educativa consiste en que varios integrantes da RFG acompañan aos rapaces no transcurso de cada recital para axudalos na execución dos seus respectivos instrumentos.

No marco desta iniciativa, un grupo composto por uns dez membros da Real Filharmonía de Galicia están a impartir, de xeito voluntario, clases aos alumnos do Conservatorio para avanzar na preparación destes concertos. Tal como manifesta o director técnico da RFG, Oriol Roch, “con este proxecto e coa implicación tan directa dos propios músicos búscase contribuír á formación dos futuros profesionais da música de cámara en Galicia”. As primeiras clases xa comezaron e está previsto que se realicen varias sesións formativas ata o vindeiro mes de xaneiro, data na que arrancará estes concertos didácticos.