A restauración das varandas do Pazo de Raxoi, do século XVIII, están a sacar á luz curiosidades como que algunhas da reixas proceden da Catedral de Santiago

Durante os traballos apareceu o selo do ferreiro orixinal da época, xa que daquela marcábanse as pezas para logo cobralas

Catro ferreiros están a recuperar de xeito tradicional todos os elementos decorativos, que se recubrirán de pan de ouro

O Consorcio de Santiago iniciou en setembro a restauración das varandas de forxa das ventás e dos balcóns da fachada principal do Pazo de Raxoi, sede do Concello. As obras adxudicáronse á construtora Desarrolla e os traballos estanos a realizar catro ferreiros especializados en forxa artística. Ademais da intervención no edificio, desmontáronse algúns balcóns para recuperalos no taller, onde tamén se están a elaborar de novo as follas, motivos decorativos e pezas diversas que estaban moi deterioradas. Está previsto que os traballos, que contan cun orzamento de 85.147,29 euros, rematen a finais deste mes. O proxecto está redactado e dirixido por arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio.

Santiago Martínez, de Forxa Chago, situada no Polígono do Tambre, explica que están a limpar as vellas pinturas e os óxidos e substituíndo os remaches e todas as partes danadas por outras novas, como algunhas bólas. Ademais, estanse a incorporar todas as pezas que faltaban debido ao paso do tempo ou que se viran afectadas por actuacións anteriores. Nesta liña, estase a recuperar a policromía orixinal das forxas e das ornamentacións.

Unha das principais tarefas que se están a levar a cabo no taller é a fabricación das follas e demais elementos ornamentais desaparecidos. O repuxado faise a man. “Por medio de golpes cuns ciceis, dáselle forma ao ferro, que logo pasa polo lume e de seguido trabállase para darlle a forma desexada”, sinala o ferreiro. Unha vez elaboradas as follas e demais motivos decorativos, daráselles unha imprimación antioxidante e finalmente recubriranse con láminas de pan de ouro para que recuperen o seu dourado orixinal.

O último paso é a montaxe de cada varanda no seu lugar correspondente, de xeito que se fixarán á pedra da fachada con chumbo fundido, tal como se facía antigamente. Santiago Martínez salienta que todas as pezas novas, que son reproducións exactas das orixinais, son forxadas a man. “É un proceso totalmente artesán, similar ao sistema que seguían os profesionais da forxa nos séculos XI e XII. Co paso dos séculos foron cambiando as técnicas, pero a forma de traballo permanece inalterable” -asegura-.

O ferreiro lamenta que se estea a perder o sistema de repuxado da forxa tradicional e manifesta que se trata dun “oficio de futuro encamiñado á restauración, moi artístico e creativo”. Nesta liña, dende o Consorcio avogan pola recuperación dos oficios tradicionais -como son os de ferreiro, canteiro ou carpinteiro- nos traballos de rehabilitación que se están a levar a cabo no casco histórico compostelán.

Resulta curioso que as reixas sexan moi similares ás dos palacios e concellos franceses, posto que o edificio é de estilo neoclásico

Estas varandas históricas datan do século XVIII, do período 1767-1787, e teñen un alto valor artístico. O historiador da Universidade de Santiago Javier Raposo realizou un estudo sobre o Pazo de Raxoi que está a servir como base para o desenvolvemento dos traballos de restauración das varandas. Lembra que o edificio foi nos seus inicios Seminario de Confesores, froito do mecenado do arcebispo compostelán Bartolomé Rajoy. Pero en 1760 a Casa do Concello sofre un incendio e o Goberno compostelán pasa a ocupar unha parte do inmoble, que se converte na súa sede permanente no século XX.

Nas súas investigacións o historiador atopou achados curiosos como que as reixas son moi semellantes ás dos palacios e concellos franceses. Isto débese posiblemente a que o edificio foi ideado polo enxeñeiro militar de orixe francesa Carlos Lemaur, quen realizou todos os planos e supervisou as obras de ornamentación, incluídas as balconadas e a reixería; aínda que logo quen executou a obra foi o arquitecto compostelán Alberto Ricoy. De todos os xeitos, “a influencia francesa resulta moi sorprendente xa que o edificio no seu conxunto está concibido seguindo o estilo neoclásico, aínda que a decoración das ventás e das reixas é de tendencia barroco-francesa” -apunta-.

Durante a realización dos traballos de restauración apareceron nas reixas marcas de propiedade, en particular o selo do arcebispo Rajoy como promotor da obra, e tamén marcas do ferreiro orixinal. O historiador explica que “as pezas marcábanse para logo recibir o pago correspondente”. Ata o de agora estas marcas non eran perceptibles debido a que as reixas estaban pintadas e douradas e entre os séculos XVIII e XX sufriron múltiples intervencións. “As pescudas lévannos a pensar que as reixas orixinais saíron da confraría de ferreiros da antiga igrexa de Salomé, que, xunto co de San Martiño Pinario, representaría un importante taller de ferrería na cidade. E, ademais, das reixas, tamén se encargaron de toda a ornamentación e de darlle o toque final dourado” -afirma Raposo-.

Outro aspecto de grande interese é que se atoparon reixas reutilizadas, é dicir, que orixinalmente procedían doutro edificio, como é a propia Catedral de Santiago. E isto descrubriuse grazas aos selos dos ferreiros da época, que aínda se conservan entre os ferros das varandas.