A Escola de Altos Estudos Musicais celebra unha clase maxistral de frauta

O prestixioso frautista italiano Davide Formisano móstralles aos alumnos o seu virtuosismo con este instrumento

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) conta cun programa de formación permanente dirixido a todos os músicos galegos, tanto no ámbito profesional como no afeccionado, interesados neste eido. No marco deste programa, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional.

Entre outubro e decembro impartiranse clases maxistrais de trompeta, frauta, óboe, clarinete, percusión, violonchelo e trompa. A segunda clase maxistral deste curso celébrase hoxe luns e mañá martes nas instalacións da Escola. O recoñecido frautista italiano Davide Formisano mostraralles aos alumnos asistentes o seu virtuosismo con este instrumento de vento.

Davide Formisano ten colaborado con directores de renome internacional como Zubin Mehta ou Daniel Barenboim

Davide Formisano naceu en Milán en 1974, onde se graduou coas máximas cualificacións. De adolescente xa gañaba concursos en Italia e comezou a alcanzar a fama nas grandes competicións internacionais. Sendo moi novo xa tocaba coas máis prestixiosas agrupacións musicais do seu país e do resto de Europa.

A súa participación durante anos como primeira frauta na Orquestra Filharmónica da Scala permitiulle colaborar con directores de renome internacional como Carlo Maria Giulini, Zubin Mehta, Chung Myung Wun ou Daniel Barenboim, entre outros moitos. En 2012 deixou o seu posto na orquestra para dedicarse plenamente á súa actividade musical como solista e á ensinanza neste eido.

Formisano combina con grande éxito o seu papel de profesor de orquestra, solista e músico de cámara, actuando en Europa, Asia, Norteamérica e Latinoamérica cos directores máis recoñecidos e coas formacións musicais máis afamadas. Como frautista, caracterízase polo ímpetu e a alegría interpretativa, exhibindo un son impecable e unha propiedade de estilo indiscutible.