O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora presentan La saga Courtier en Galicia, obra dos irmáns Beatriz e Alberto Cancela Montes

É unha publicación sobre a familia de músicos Courtier na Compostela do s. XIX, que inclúe fotos, recortes de prensa e catro partituras de Ricardo Courtier

Foi recoñecido cunha “Mención especial” no 2º Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán, da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago e a USC

Presentarase o luns-28 no Casino ás 7 da tarde, nunha velada literario-musical na que alumnas do Conservatorio Histórico interpretarán obras da familia Courtier

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publican unha obra sobre a familia Courtier no século XIX titulado La saga Courtier en Galicia, obra dos irmáns Beatriz e Alberto Cancela Montes. Tal como recolle no prólogo do libro Xerardo Fernández Albor, a beleza da cidade seguramente levou a Juan Courtier (Barcelona, 1780, de pai suízo) a afincarse en Compostela no ano 1818, ocupando o posto de primeiro violín na capela da Catedral, “e perpetuar a presenza do seu apelido a través de seus fillos José, Hilario e Juan, e dos seus netos, entre eles, Ricardo”. Os autores da publicación sinalan no preludio que é un traballo musicolóxico onde consideraron “conveniente” relacionar o momento vital de cada un dos catro músicos principais coas súas distintas facetas de intérpretes, docentes ou mesmo compositores. A obra foi recoñecida cunha “Mención especial” no 2º Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán, da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago e a Universidade de Santiago.

Os irmáns Beatriz e Alberto Cancela indican que os Courtier, así como os seus coetáneos, estenderon un novo concepto de música e das propias funcións do músico: “Instrución, formación e creación de todo tipo de agrupacións musicais, así como a renovación dos repertorios, destacan entre as súas facetas, instruíndo ou dirixindo a capela musical da Catedral e agrupacións camerísticas, pero tamén a orquestra do Teatro Principal, a Charanga de Afeccionados, a Tuna, etcétera, do seu tempo”. A versatilidade de Ricardo, neto do patriarca, propiciou que permanecese nos repertorios da música tradicional galega, “pero desta saga seguro que hai máis música da que se conserva”, sinalan os autores desta publicación.

En canto a búsqueda e investigación –advirten– hai faena por facer: “Hai moitos músicos por descubrir, e o século XX é o gran descoñecido no tocante a intérpretes. Faltan traballos sobre a Escola de Música de Amigos del País, o colexio de sordomudos e cegos, a USC, a tuna, orfeóns, orquestras. Pero o importante é a música, de aí que apostemos por un proxecto multidisciplinar que xunte investigación, difusión e recuperación e ampliación do repertorio. Temos un modesto blog http://descubrindoasnosasmusicas.blogspot.com.es/”.

Beatriz Cancela (Santiago, 1981) dedícase á investigación e á súa tese de doutoramento sobre a Banda Municipal de Santiago, mentres que o seu irmán Alberto Cancela (Santiago, 1984) é profesor de música en diversos centros de Compostela, Mazaricos, Santa Comba e Porto do Son.

Ademais de arquivos e fondos, os irmáns Cancela Montes recorreron á prensa da época para documentar e contrastar, procura que consideran “imprescindible: En Galicia topamos cun gran corpus hemerográfico, magnífico e mesmo dixitalizado”. Salientan pola súa relevancia cara ao seu traballo as seguintes cabeceiras: Diario de Santiago (1873-1878), La Gaceta de Galicia. Diario de Santiago (1879-1918), El Eco de Santiago (1896-1938) ou El Compostelano (1920-1946). Cómpre salientar, ademais, que boa parte das fotografías que se recollen no libro son inéditas.

Pezas breves de salón, muiñeira e zarzuela soarán no Casino

La saga de los Courtier en Galicia será presentado nun acto literario e musical, o luns-28 ás sete da tarde no Casino de Santiago, onde tres alumnas do Conservatorio Histórico de Santiago, Edurne Pérez Béliz, Lucía Cerviño Sánchez e Erica Rodríguez Quiroga, interpretarán ao piano obras da familia Courtier: Mazurka (Hilario Courtier), Marina (José Courtier), a muiñeira Flor de cardo (Ricardo Courtier) e ata un fragmento dunha zarzuela galega pola que Ricardo será moi coñecido, xa que se trata dunha obra que se incluirá na maioría dos repertorios de bandas, salóns e mesmo de agrupacións de música tradicional.

Na presentación, ademais dos autores, participarán o presidente do Consorcio e alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto co director da editorial Alvarellos, Enrique Alvarellos. Así mesmo, asistirán ao acto a xerente do Consorcio, María Antón, e o responsable de publicacións deste organismo, Juan Conde.