O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia pide á Consellería de Traballo e Benestar que se manteñan as dúas prazas de psicólogo/a no Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstol da Coruña

psicologos_webA Consellería vai reconvertelo nun centro de atención a persoas adultas discapacitadas gravemente afectadas e pretende eliminar unha praza de psicólogo/a, consolidada dende hai anos

A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia vai reconverter o Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstol da Coruña, que ata o de agora atendía a nenos dende idade preescolar ata que cumprían os 21 anos, nun centro de atención a persoas adultas discapacitadas gravemente afectadas. Con motivo desta circunstancia, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) pídelle á Consellería que se manteñan as dúas prazas de psicólogo/a coas que se conta na actualidade.

Dende o Colexio sinalan que “non pretendemos manifestarnos sobre a pertinencia ou non do cambio de tipoloxía do centro”. En relación a esta reconversión, “só consideramos que chega con excesivo retraso no relativo ao feito de ter menores de idade sen escolarizar pola administración educativa e atendidos unicamente polos servizos sociais, como vén acontecendo no centro dende que se creou cos nenos que presentan unha discapacidade severa ou profunda” -declaran-.

Unha das prazas de psicólogo/a substituiríase no novo centro por un posto de Responsable de Área Asistencial, aberto a outros expertos

Segundo as informacións das que dispón o Colexio, a Consellería de Traballo e Benestar pretende eliminar un dos dous postos de traballo de psicólogo/a que existen no centro na actualidade. Este posto substituiríase no novo centro por un Responsable de Área Asistencial, cargo ao que poderían acceder tamén outros expertos, mesmo diplomados como educadores ou traballadores sociais. “Non cuestionamos a creación deste novo posto de traballo nin que se abra a outros profesionais. Ao que nos opoñemos é á desaparición dunha praza de psicólogo/a, orzamentada e consolidada dende hai moitos anos, para crear outra sen relación directa coas funcións propias dun profesional da psicoloxía” -manifestan-.

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia denuncia que isto suceda a pesar de que “a Consellería de Traballo e Benestar coñece sobradamente a carencia e a necesidade de psicólogos/as en servizos esenciais que dependen da mesma, como o caso da atención a menores, adopcións, dependencia ou equipos de valoración de minusvalías, entre outros”.

Un informe elaborado pola Consellería en 2006 sobre as necesidades de persoal do novo centro contemplaba o mantemento das dúas prazas de psicólogo/a

En definitiva, dende o organismo colexial demandan “o mantemento dos dous postos de traballo de Titulado Superior Psicólogo/a no novo CAPD da Coruña, tal como contemplaba o Informe estimativo sobre as necesidades de persoal do novo centro de atención a persoas con discapacidade Santiago Apóstol da Coruña elaborado pola Consellería en decembro de 2006, cando xa se estaba a estudar a transformación do centro”.

“De non ser posible manter estes postos de traballo, “solicitamos a adscrición do posto que se pretende eliminar a calquera dos servizos deficitarios da Delegación Territorial da Coruña da Consellería de Traballo e Benestar” -destacan dende o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia-.