O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia aborda a importancia das organizacións sen ánimo de lucro para atender as necesidades sociais, en particular no contexto actual de crise
- Detalles
- Categoría: Colexio de Psicoloxía de Galicia
- Published: Mércores, 15 Xuño 2011 23:00
- Visitas: 940
Estas entidades están a incrementar a demanda de atención psicolóxica nos últimos anos
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebra mañá venres, 17 de xuño, unha xornada sobre a intervención social no terceiro sector. O evento terá lugar, entre as 16:30 e as 19:30 horas, na sede do Colexio, en Santiago de Compostela.
O denominado terceiro sector aglutina ao conxunto de organizacións, como asociacións, fundacións, corporacións ou cooperativas, entre outras formas xurídicas sen ánimo de lucro e con obxectivos sociais e de desenvolvemento. “Son un axente clave na atención ás necesidades sociais que cada día xorden na nosa contorna, en particular no contexto de crise económica e social como o actual” -manifestan dende o organismo colexial-.
“Na nosa sociedade os servizos sociais non teñen unha estrutura tan forte como no norte ou no centro de Europa, de xeito que a axuda social chega a través das asociacións de familiares, de afectados… E nestas entidades destaca o rol dos profesionais da psicoloxía, onde cada vez se demanda máis a súa intervención e se valora o seu traballo” -afirma o Colexio-.
Durante a xornada abordaranse os cambios que están a experimentar este tipo de organizacións no momento de crise económica e cambio social que estamos a vivir. O encontro servirá tamén para que os psicólogos e psicólogas actualicen os modelos de intervención social, así como para reforzar o rol profesional da psicoloxía nestas entidades. Ademais, o Colexio presentará os obxectivos do Grupo de Traballo sobre Psicoloxía e Terceiro Sector en Galicia, integrado na Sección de Psicoloxía da Intervención Social do organismo colexial. A finalidade do Grupo é traballar para consolidar o papel dos psicólogos e psicólogas no ámbito destas asociacións.
Na xornada participarán a directora de Proxectos Sociais da Fundación Barrié, Mª Isabel Pérez Martínez; a psicóloga e coordinadora provincial de Cruz Vermella de Ourense, Marisa Visitación López Casero; e a presidenta da Asociación de Parkinson Compostela (ASPAC), Carmen Guillín Gendre. Estas entidades caracterízanse polo incremento da demanda de atención psicolóxica nos últimos anos, como parte fundamental da intervención social.