Os psicólogos e psicólogas quedan excluídos da convocatoria para traballar como promotores de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia

logotipoEGDende o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia manifestan que a situación de desemprego conleva unha realidade psicosocial moi complexa que non pode tratar calquera profesional

A Consellería de Traballo e Benestar vai contratar promotores de emprego para traballar nas oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia. Con motivo desta convocatoria, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) quere mostrar o seu desacordo por estaren os psicólogos e psicólogas excluídos da mesma, mentres que en anos anteriores figuraban como titulación preferente.

Dende o Colexio lembran que a contratación de promotores de emprego está regulada polo Real Decreto 13/2010, que se publicou no Boletín Oficial do Estado o 3 de decembro de 2010. No artigo 15 recóllese que “co fin de reforzar a atención ás persoas demandantes de emprego e ás empresas que ofertan emprego, apróbase a medida consistente na incorporación de 1.500 persoas como promotoras de emprego, que realizarán a súa actividade nas oficinas de emprego dos Servizos Públicos de Emprego, dende o 1 de febreiro de 2011 ata o 31 de decembro de 2012”.

O organismo colexial resalta que, tal como se indica no Real Decreto, as actuacións que teñen que desenvolver os promotores de emprego céntranse na atención directa e personalizada ás persoas desempregadas, en aportar información ás empresas, realizar unha prospección do mercado laboral do seu contorno, ademais do seguimento das actuacións realizadas tanto cos desempregados e desempregadas como coas empresas.

A Consellería de Traballo e Benestar vai recorrer para esta contratación a unha lista de interinos na que só se contemplan graduados sociais, educadores sociais e traballadores sociais. Ante esta situación, o COPG manifesta a “necesidade de incorporar tamén aos psicólogos e psicólogas, por ser o perfil profesional máis axeitado para desenvolver este posto de traballo” e, ademais, declara que “sempre estivemos como opción preferente e agora quedamos excluídos”.

Dende o COPG consideran que “un servizo dirixido a traballar con demandantes de emprego, cuxo obxectivo é dotar aos cidadáns e cidadás de recursos persoais e profesionais para saír da situación de desemprego, ten que ser desenvolto por profesionais con formación e experiencia en temas de aprendizaxe, psicoloxía do desenvolvemento, psicoloxía da personalidade, interacción social, psicoloxía de grupos, técnicas de avaliación e motivación; ademais de posuír coñecementos de xestión e desenvolvemento dos recursos humanos e de contar con competencias no campo da intervención psicosocial”.

Os promotores de emprego deben saber traballar con colectivos de difícil inserción como vítimas de violencia de xénero ou discapacitados

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia indica que os promotores de emprego deben coñecer e saber abordar as consecuencias psicosociais da situación de desemprego. E, ademais, teñen que saber traballar con todo tipo de casos, dende persoas potencialmente empregables ata membros de colectivos de difícil inserción como parados de longa duración, vítimas de violencia de xénero ou persoas con discapacidade, entre outros.

Dende o organismo colexial sinalan que “non se lle dá importancia ao traballo con persoas. Non se trata só de atopar traballo, senón que a problemática que conleva a situación de desemprego é moito máis complexa”. Así, apuntan que “o labor dun promotor de emprego non se limita só a axudar a elaborar un currículo ou a preparar unha entrevista persoal”.

“Unha situación de desemprego conleva unha realidade persoal complicada, de desánimo, estrés ou mesmo depresión nunha porcentaxe de casos moi elevada, ata adicións. E este estado repercute no ámbito familiar, onde é habitual que se xeren conflitos, posto que é onde o individuo descarga o seu descontento” -afirman dende o Colexio-.

Por outro lado, tal como sinalan os expertos, ao carecer de recursos económicos, vanse reducindo as relacións sociais e a persoa tende a illarse. A isto súmase a crise económica actual, de xeito que os/as desempregados ven a situación que os rodea e increméntase a súa desilusión ante a falta de expectativas.

“Cómpre coñecer e valorar primeiro como se atopa a persoa, co fin de romper todas as súas barreiras persoais e sociais, co propósito de axudala a que retome a súa vida laboral” -declaran dende o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia-.