O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia abordará mañá o “coaching”, unha técnica destinada ao adestramento de traballadores e directivos

coachingTrátase de estratexias para desenvolver habilidades, motivar equipos, lograr compromisos e alcanzar resultados

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza mañá sábado unha sesión de traballo sobre “Coaching e recursos humanos”. Desenvolverase na sede do Colexio (Rúa da Espiñeira, 10 baixo), en Santiago de Compostela. Comezará ás 11:00 e prolongarase ata as 13:30 horas. O coordinador desta iniciativa é José Luís Domínguez Rey, responsable da Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Colexio, en colaboración coa Escola Galega de Coaching.

O “coaching” consiste en dirixir, instruír e adestrar a unha persoa ou a un grupo co propósito de conseguir unha meta persoal ou profesional ou para desenvolver habilidades específicas. Durante o encontro, o director de Proxectos da Escola Galega de Coaching, Pablo Rodríguez González, abordará esta técnica e a súa evolución histórica. A súa intervención dirixirase a un grupo de psicólogos, que terán a oportunidade de compartir e debater sobre a dificultade de xerar capacidade de cambio en ambientes organizacionais. E centraranse no adestramento dun grupo ou dunha persoa de cara a adquirir e desenvolver habilidades, motivar equipos, lograr compromisos e alcanzar resultados.

Na busca de harmonía no marco das empresas e das organizacións

É indiscutible que o desenvolvemento das organizacións e, por tanto, a súa capacidade de cambio, depende do seu activo humano. É fundamental a interacción das persoas, os seus adestramentos e os sistemas de apoio. Tamén é importante analizar as actitudes tanto dos traballadores como dos directivos, a asignación de responsabilidades e o cumprimento de metas establecidas. Dos traballadores e do corpo directivo agárdase compromiso, habilidades, determinadas condutas e resultados. Nesta liña, os psicólogos tratarán de profundizar en como lograr esa harmonía sempre desexada no marco das empresas e das organizacións.