O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia presenta unha nova tecnoloxía destinada á avaliación da personalidade que detecta se un individuo minte

facultad_psicologia_USC_webEsta ferramenta, moi útil en xuízos, en procesos de selección de persoal ou nas probas para adquirir os permisos de conducir e de armas, non se pode manipular

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia vai dar a coñecer estes días unha nova tecnoloxía destinada á avaliación da personalidade. A presentación desenvolverase na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago. Comeza hoxe vernes, pola tarde, e prolongarase ata mañá sábado, durante todo o día.

Os autores desta ferramenta realizarán sesións prácticas entre profesionais e estudantes de Psicoloxía, co fin de que coñezan o seu funcionamento. Trátase de José María Tous Ral, catedrático de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universidade de Barcelona; e Rubén Muíños Martínez, doutor en Psicoloxía pola Universidade de Barcelona.

Esta iniciativa está organizada polo Grupo de Tráfico e Seguridade do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e tamén colaboran as seccións de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións, Xurídica, Educativa e Intervención Social do Colexio. A coordinadora do Grupo, Eva Muíño Gómez, asegura que se trata dunha “proba válida e moi efectiva” para usar nos distintos ámbitos profesionais. Sinala que “esta nova ferramenta resulta moi útil en procesos de selección de persoal en xeral, de cara a diagnosticar a personalidade”. E ten interese non só no eido empresarial, senón en particular na seguridade privada e en calquera posto de traballo no que se requira o uso de armas.

Emprégase con éxito en Brasil nos centros de revisión de condutores e en Cataluña para a avaliación psicolóxica dos corpos de seguridade

Esta proba é de gran utilidade en contextos nos que existe un destacado interese simulador por parte dos individuos, como pode ser o xurídico, de cara a detectar intentos de falsear a realidade. Tamén se pode aplicar nos psicoténicos que se realizan para sacar o carné de conducir ou para renovalo, en situacións de intervención social para facer valoracións, e mesmo na Psicoloxía Educativa.

Esta ferramenta xa ten demostrada a súa efectividade no ámbito da condución, ao ser de uso obrigatorio nos centros de revisión de condutores en Brasil ao longo dos últimos anos. Tamén forma parte da batería de probas que se contemplan na avaliación psicolóxica dos corpos de seguridade pública da Generalitat de Cataluña dende hai dous anos. O goberno catalán decidiu endurecer a valoración dos corpos de seguridade, de xeito que esta proba é unha das máis relevantes.

A proba baséase no rexistro do movemento dos brazos e non require que os individuos falen, de xeito que non se pode manipular

A proba coñécese co nome de DP-TC, Diagnóstico Propioceptivo do Temperamento e do Carácter. É un instrumento psicolóxico de rendemento baseado no rexistro directo do movemento das extremidades superiores, realizado a pulso e sen visión do propio corpo. Facilita a avaliación de seis dimensións funcionais da personalidade: o estado de ánimo, a toma de decisións, a atención, a emoción, a irritabilidade e a impulsividade.

Este sistema fundamenta a súa capacidade de clasificación e de predición no coñecemento do que as persoas fan e non no que din que fan. Deste xeito, os participantes non poden manipular a súa resposta e os avaliadores teñen a absoluta certeza de que están a avaliar a conduta do participante como resultado da interrelación entre a súa intención e a súa execución. Así, serve para descartar ás personas que minten ou que tratan de dar unha boa imaxe de si mesmas que non se corresponde coa realidade.

Entre as principais vantaxes desta ferramenta fronte a outras que se empregan na actualidade, os expertos destacan a imposibilidade de manipulación dos resultados, así como a independencia da proba respecto aos recursos verbais. Nesta liña, os individuos non teñen que someterse a ningún cuestionario nin teñen necesidade de falar, o que resulta moi importante naqueles casos nos que os usuarios presentan dificultades á hora de expresarse. Ademais, o feito de que non se requira o compoñente verbal, convírtea nunha proba difícil de manipular.

Eva Muíño, como coordinadora do Grupo de Tráfico e Seguridade do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, manifesta o interese do colectivo por aplicar esta ferramenta tan novidosa nos ámbitos da condución e da seguridade privada en particular. Ademais, resalta o feito de que a súa execución só ten unha duración de dez minutos.

A presentación desta ferramenta terá lugar na aula 10 da Facultade de Psicoloxía da USC. As sesións comezan hoxe venres, entre as 16:00 e as 21:00 horas, e continúan mañá sábado, de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.