O Colexio de Podólogos de Galicia denuncia a práctica de probas da pisada en establecementos de material deportivo

pronasupinadorEstes exames poden resultar prexudiciais para a saúde da poboación

Estudos universitarios afirman que os aparatos para diagnóstico podolóxico só deben ser empregados por persoal sanitario

Informes realizados polas Universidades de Barcelona, Sevilla e Extremadura sobre a realización de estudos da pisada en establecementos de material deportivo demostran que o podólogo é o único profesional sanitario cualificado para desenvolver as “probas da pisada” ou biomecánicas. Así o pon de manifesto o Colexio de Podólogos de Galicia ante a afluencia nos últimos tempos deste tipo de prácticas en grandes superficies deportivas para diagnosticar un pé pronador ou supinador.

O aumento de seguidores das carreiras atléticas favoreceu a extensión deste tipo de prácticas nocivas para a saúde da poboación. Determinadas grandes superficies, tendas e distribuidores de material deportivo realizan probas da pisada, con equipamento de análise biomecánico, ofrecendo diagnósticos ao corredor e recomendacións sobre o calzado idóneo para o seu tipo de pisada (neutra, pronada ou supinada).

Os sistemas de análise da marcha –tanto cinéticos (plataformas de presións) como cinemáticos (sistemas 3D)– aportan datos biomecánicos que serven para realizar o diagnóstico da normalidade ou patoloxía do pé e para establecer un plan diagnóstico axeitado a cada paciente ou corredor, pero esta maquinaria non está deseñada para diagnosticar patoloxías como a pronación ou a supinación. O seu protocolo de uso é complexo, e requiren de condicións de uniformidade (humidade, temperatura, sentido da marcha, metodoloxía) para obter unhas corretas e fiables medicións para todos os pacientes, ademais de ser calibrados.

Neste punto, o Colexio de Podólogos de Galicia considera que este tipo de estudos só poden ser realizados por persoal sanitario con formación específica e coñecementos de biomecánica para analizar e interpretar corretamente os datos, facer posteriormente un estudo estático e da postura global e finalmente ofrecer ao paciente un plan diagnóstico personalizado.

“Un caso similar é o das radiografías. A toma dunha radiografía faina un aparato de raios X manexado por un técnico con formación específica, pero interpretada por un médico. Do mesmo modo que non deixamos que diagnostique unha máquina de raios X, non debemos tolerar que sexa unha máquina de análise biomecánico a que determine se un corredor ten unha pisada neutra, pronada ou supinada ou que a interpretación de datos a realice personal non cualificado” –explican desde o Colexio de Podólogos de Galicia–.

Ademais, o Colexio de Podólogos de Galicia indica que os aparatos de medición biomecánica son produtos sanitarios suxeitos á normativa específica sanitaria e non poden ser empregados como medio de diagnóstico nestes espazos comerciais que carecen de licencia sanitaria, recaendo polo tanto no intrusismo profesional.

O mesmo acontece coas plantillas ou soportes plantares personalizadas que son usadas para a correción das deformidades e distribuír a carga corporal nos pés (plantillas antifatiga, anatómicas ou de carga). O Colexio de Podólogos de Galicia lembra que as plantillas personalizadas son un produto sanitario e non se poden vender en tendas de deportes sen licencias de fabricante de produtos sanitarios a medida. Moitos destes establecementos ofertan plantillas previo estudo da pegada plantar mediante un escáner.