Podólogos galegos asistirán aos atletas do maratón Coruña21, que se celebrará o domingo
- Detalles
- Categoría: Colexio de Podólogos
- Published: Xoves, 21 Febreiro 2013 10:47
- Visitas: 847
O Colexio de Podólogos indica que neste tipo de carreiras as complicacións máis frecuentes son as ampolas, rozaduras e hematomas
O Colexio de Podólogos de Galicia colabora no V Medio Maratón Coruña21 que se celebra este domingo 24 de febreiro na cidade da Coruña, unha proba que servirá de anticipo do Campionato de España de Maratón que terá lugar polas rúas da cidade o 21 de abril. Un equipo de podólogos procedentes de toda Galicia integrarán o dispositivo de profesionais sanitarios que asistirá aos participantes durante e despois da carreira nunha carpa que se habilitará nas inmediacións da meta.
Os podólogos atenderán aos corredores que poidan sufrir algún tipo de alteración. O Colexio de Podólogos de Galicia destaca que, no caso dos maratóns, as complicacións máis frecuentes son a aparición de ampolas, rozaduras e mesmo hematomas debaixo das unllas. O pé é a parte do corpo que máis estrés sofre neste tipo de actividades deportivas. Nesta liña, indican que “a prevención é crucial, xa que a miúdo pequenas alteracións estruturais do aparato locomotor poden provocar lesións, mesmo ata chegar a facérense crónicas”. E resaltan a importancia de acudir ao podólogo, por ser o profesional sanitario formado especificamente na patoloxía do pé, co fin de que realice unha exploración biomecánica que avalíe a estática e a dinámica do pé, así como a súa relación co resto do aparato locomotor.Consellos para os corredores
O Colexio de Podólogos de Galicia ofrece unha serie de consellos aos participantes no maratón. En primeiro lugar, indican que á hora de cortar as unllas se practique un corte recto, para evitar que se craven polo continuo traumatismo que sofre o pé durante a proba. Ademais, o roce, a fricción e os traumatismos de repetición poden provocar unha serie de complicacións como ampolas ou hematomas que pode previrse. Nesta liña, recomendan evitar os lavados con auga quente antes da actividade deportiva, xa que a pel se debilita, co que se incrementa o risco de aparición de ampolas. Ademais, lembran que cómpre empregar zapatillas de baño en vestiarios e duchas colectivas.
Por outro lado, os podólogos resaltan que os calcetíns que se empreguen durante a carreira deben ser de algodón ou fío. E tanto o calzado como o calcetíns non deben ter relevos nin costuras en contacto coa pel para evitar posibles lesións. Os podólogos inciden en que non se debe estrear o calzado deportivo o día da competición. Este debe axeitarse ademais ás características da actividade e ao tipo de terreo onde se vaia desenvolver. Pola contra, se o calzado sofre un desgaste excesivo pode deberse a unha alteración da marcha, co que cómpre consultar o problema cun podólogo.
Esta quinta edición do medio maratón Coruña21 ten como obxectivo superar os 1.000 participantes, como proba incluída no calendario nacional, polo que poden competir atletas estranxeiros. Desenvolverase polo casco urbano a partir das 10:00 horas, con saída e chegada no Cantón Grande, xunto aos xardís de Méndez Núñez. A proba ten un percorrido de 21.097,50 metros, medido e homologado pola Real Federación Española de Atletismo.