O Colexio de Podólogos de Galicia traballa conxuntamente con médicos, odontólogos e farmacéuticos para aplicar a receita médica privada, que entrou onte en vigor
- Detalles
- Categoría: Colexio de Podólogos
- Published: Luns, 21 Xaneiro 2013 23:00
- Visitas: 782
Explican que este novo modelo evitará falsificacións a través dun código de barras, aportando seguridade a profesionais e pacientes
A nova receita médica privada para podólogos, médicos e odontólogos no ámbito da sanidade privada entrou onte en vigor, regulada segundo o Real Decreto 1718/2010 sobre Receita médica e Ordes de dispensación, aínda que pendente dunha orde ministerial de Sanidad para o seu desenvolvemento. O obxecto deste novo método é deter o intrusismo laboral e a falsificación das prescricións médicas, aportando unha maior seguridade aos pacientes e loitando contra a erradicación e identifciación dos falsos profesionais médicos.
Os Consejos Generales de médicos, odontólogos e podólogos, responsables da edición, xestión, control e inspección da impresión e entrega das receitas médicas privadas, presentaron conxuntamente a plataforma única de prescrición. Actualmente, esta plataforma profesional está traballando no desenvolvemento do sistema informático de aplicación das receitas.
Segundo o Colexio de Podólogos de Galicia, os 320 podólogos galegos terán que empregar este novo sistema que incorpora medidas de seguridade que garanten a súa autenticidade e a validación da identidade do prescritor. O Colexio profesional de podólogos está a manter conversas cos Colexios Farmacéuticos galegos para garantir unha convivencia equilibrada e sen conflitos entre a prescrición antiga e a nova.
As receitas estarán divididas en dúas partes, a prescrición, que se atopa na parte superior e contén a información para a farmacia; e o tratamento, que se sitúa na parte inferior e será para o paciente, que terá que escribir o seu nome, apelidos e número de DNI o NIE. Pola súa parte, o podólogo terá que anotar o seu nome, apelidos, número de colexiado, dirección e especialidade.
Como novidade, estas receitas inclúen un código de barras para garantir a súa autenticidade e evitar falsificacións, á vez que se combaterá o uso inaxeitado de medicamentos. Trátase dun código de verificación electrónica (CVE), único para cada receita a partir dos datos do prescritor e do número de cada receita, que permitirá comprobar a que profesional en concreto foi asignado o talonario, a que Colexio pertenence o facultativo prescritor, a súa especialidade, o medicamento prescrito e a farmacia na que se dispensou. A receita terá unha validez de dez días unha vez realizada a expedición, e o farmacéutico deberá conservala durante tres meses. Toda esta información quedará gardada nunha central de datos, onde se poderá consultar o estado da receita e verificar a súa autoría.