O Colexio de Podólogos de Galicia aconsella abrigar e hidratar os pés para evitar a aparición de sabañós no inverno
- Detalles
- Categoría: Colexio de Podólogos
- Published: Martes, 04 Decembro 2012 23:00
- Visitas: 577
Borja Pérez, voceiro do Colexio de Podólogos:
“É fundamental que nos meses de frío os maiores se instalen en habitacións caldeadas e usen calcetíns de fribras naturais que manteñan a calor”
Recomendan o uso de zapatillas pechadas que suxeiten o pé para andar pola casa
No inverno o frío e as baixas temperaturas son as protagonistas, que soen chegar acompañadas de chuvia, néboa e humidade. Estas condicións meteorolóxicas tan comúns en Galicia fan que os pés se resintan. O Colexio de Podólogos de Galicia indica que nesta estación do ano os pés tenden a enroibarse e precisan de abrigo para aumentar a súa temperatura.
Segundo o voceiro do Colexio de Podólogos, Borja Pérez, en inverno hai que protexer os pés da humidade, auga e frío cun calzado de sola de goma para que esta sensación non traspase ao pé, ademais dun interior do calzado composto por materiais como a lá que mantén a calor corporal. Os calcetíns axeitados para o frío deben ser de fibras naturais, pero nunca sintéticos para evitar as alerxias na pel.
O representante dos podólogos galegos explica que a pel dos pés tende a secarse no inverno polo que se precisan produtos hidratantes para evitar que se cuartee e se rompa, protexéndoa de microorganismos externos.
Os problemas circulatorios e a aparición de sabañós son as doenzas máis comúns nos pés dos maiores durante os meses de inverno. Por este motivo, desde o Colexio de Podólogos de Galicia informan que hai que coidar os pés para evitar molestias que poidan afectar á mobilidade das persoas maiores.
Este grupo de idade sofre unha importante reducción da sensibilidade nos pés o que afecta a súa sensación térmica. “É fundamental que nos meses de frío os maiores se instalen en habitacións caldeadas e usen calcetíns de fribras naturais que manteñan a calor para evitar a aparición de sabañós”.
O voceiro colexial tamén lembrou que non se deben empregar fontes de calor directa que perxudican á circulación. Para remediar os problemas de circulación os podólogos aconsellan o uso de medias e calcetíns que non presionen e calzado axeitado que se adapte perfectamente ao pé.
Para andar pola casa
O Colexio de Podólogos de Galicia suxire o uso de calzado cómodo e suxeito ao pé para andar pola casa, evitando o porte de zapatillas grandes que provocan a aparición de calos, durezas e dor nos pés, como as chanclas ou pantuflas. O calzado para andar pola casa non debe dar total liberdade de movemento ao pé. A zapatilla ideal debe ser pechada e conter os volumes do pé na súa medida, ancha e estable para evitar caídas e lesións en xeonllos e unllas.