O Colexio de Podólogos de Galicia organiza mañá en Santiago un taller de cirurxía podolóxica

cirugaO curso impartirase na sede colexial de 9:30 a 20:00 horas

O Colexio de Podólogos de Galicia organiza mañá sábado, 17 de novembre, un taller de técnicas básicas en cirurxía podolóxica e actualización en onicomicosis ao que asistirán vintecinco podólogos galegos. O curso, que conta coa colaboración dos laboratorios Medea e Ony-Tec, comezará ás 9:30 horas na sede colexial de Santiago (avenida Quiroga Palacios, 65) e finalizará ás 20:00 horas.

Os encargados de impartir o taller serán o profesor da USC e dermatólogo do hospital Gil Casares, Manuel Pereiro; o podólogo experto en cirurxía, Antonio Pereira; o podólogo David Cid; e o podólogo experto en cirurxía e voceiro do Colexio de Podólogos de Galicia, Borja Pérez.

O obxectivo deste taller é ofrecer un protocolo común de actuación dentro dun quirófano, en relación á organización do campo estéril, lavado cirúrxico, esterilización do material e vestimenta e a colocación do paciente. “A idea fundamental é ofrecer aos asistentes que se inicien na formación de cirurxía podolóxica un protocolo único de actuación, tamén destinado para os profesionais que se reciclen a través desta formación continua” –explica Borja Pérez–.

Este taller estrutúrase en cinco bloques temáticos onde se abordarán os puntos básicos da cirurxía podolóxica: a preparación técnica da cirurxía do pé, o tratamento do material cirúrxico, os métodos de torniquete, as técnicas básicas de anestesia e sutura, e un apartado práctico sobre lavado, enguantado, preparación do campo estéril e a práctica de suturas cun simulador animal.