O Colexio de Podólogos de Galicia organiza mañá en Santiago un seminario sobre a elaboración de dispositivos ortésicos para protexer os pés de patoloxías

ortesisO curso impartirase na sede colexial de 9:00 a 21:00 horas

O Colexio de Podólogos de Galicia organiza mañá sábado, 20 de outubro, un seminario internacional de ortesioloxía a medida para a patoloxía do antepé ao que asistirán vintecinco podólogos galegos. O curso, que conta coa colaboración do laboratorio Herbitas,  comezará ás 9:00 horas na sede colexial de Santiago (avenida Quiroga Palacios, 65) e finalizará ás 21:00 horas.

Este seminario será impartido polos podólogos Francisco Alonso, Carlos Álvarez e Daniel López, profesores da Facultade de Podoloxía da Universidade da Coruña; ademais participarán na docencia do curso o podólogo doutorado no programa Ciencias Sociosanitarias da Universidade da Coruña, Sergio Pérez; e o podólogo e vicepresidente do Colexio de Podólogos de Galicia, Ángel Domínguez.

O obxectivo xeral do seminario é introducir ao alumno na metodoloxía de elaboración de dispositivos ortésicos para previr e paliar diferentes patoloxías do antepé, profundizando no coñecemento e utilidade de distintas siliconas de uso humano no mantemento, rehabilitación ou mellora do comportamento biomecánico do pé.

Na parte práctica do programa formativo, os alumnos do curso aprenderán a elaborar dispositivos ortésicos, unha serie de produtos sanitarios que se utilizan para protexer distintos segmentos do pé de afeccións de roce e presión, e para correxir e frenar deformidades nos pés durante a mocidade. “Un dos dispositivos de axuda máis usados son os separadores de dedas para reducir a presión, evitar a fricción do calzado e mesmo frear o avance de deformidades” –indica o coordinador do curso e voceiro do Colexio de Podólogos de Galicia, Borja Pérez–.

Os relatores do seminario tamén ensinarán aos alumnos a valorar as posicións básicas do paciente, en función do grao de solicitación mecánica, para a obtención das ortese dixitais no pé en función das diferentes técnicas. Os alumnos aprenderán a realizar unha exploración básica previa á ortese e a localizar e marcar puntos de referencia.