O Colexio de Podólogos de Galicia aconsella un coidado regular dos pés na infancia para minimizar as complicacións podolóxicas

pie_bebeO calzado dos máis pequenos debe ser amplo para permitir liberdade de movementos

Os especialistas suxiren facer revisións periódicas para controlar a evolución dos pés e as posibles alteracións da marcha

O Colexio de Podólogos de Galicia ofrece unha serie de recomendacións aos pais neste inicio do curso escolar para que vixilen o camiñar dos seus fillos e poidan protexer o futuro dos seus pés. Segundo os podólogos galegos, a forma do calzado dos nenos e nenas debe ser ampla, permitindo “maior liberdade de movementos e unha correta articulación das dedas”.

O calzado para os máis pequenos debe ter unha parte dianteira que permita una lixeira flexibilidade pero sen chegar a deformarse. A empeña (empeine en castelán) dos zapatos ten que estar feita dunha pel moi branda, ademais de ter unha sola moi elástica e antideslizante para evitar posibles caídas. Pola parte traseira, este calzado ten que estar composto por un contraforte robusto para estabilizar o talón e evitar o risco de torsións laterais. “O zapato dos máis pequenos nunca incorporará unha plantilla corretora, será o podólogo quen a suscriba en caso de ser necesario” –apunta o voceiro colexial, Borja Pérez–.

Ademais, os pais deben prestar atención ás deformacións do zapato (desgastes anormais ou excesivos da sola e tacóns); ás alteracións da ponte ou arco, coñecidas como bóveda plantar; á mala aliñación na zona perna-pé a nivel dos xeonllos e tamén das dedas; ou ao corte recto das unllas, sen recortar os bordes e sen picos.

Para evitar problemas na idade adulta, o Colexio de Podólogos de Galicia recomenda un coidado regular dos pés na infancia para minimizar ou eludir complicacións podolóxicas. “Cando o bebé comeza a ter mobilidade propia hai que intentar non coller pequenos vicios, sobre todo posturais, para que o seu desenvolvemento sexa correto” –explica Borja Pérez–.

O Colexio de Podólogos de Galicia aconsella aos pais:

- Non obrigar ao neno ou nena a poñerse de pé, forzándoo a camiñar. É conveniente que gatee.

- Cando o rapaz ou rapaza comence a camiñar non son precisos os zapatos na casa. Os pais deben permitir que camiñe descalzo ou con calcetíns como axuda ao crecemento normal do pé. Ao camiñar pola rúa ou superficies ásperas, os pés deben protexerse con calzado lixeiro e que non comprima, feito de materiais naturais.

- O seu primeiro calzado debe ser de pel moi suave.

- Hai que controlar periodicamente a evolución dos pés e as alteracións da marcha.

- Prestar atención ás dores persistentes en puntos concretos dos pés, rodillas ou mesmo da columna.

- Non é un sinal fiable que o neno non se queixe. Os seus osos en crecemento son tan flexibles que poden torcerse ou deformarse sen que o pequeno se de conta.

A partir dos tres anos considérase a mellor idade para a corrección da maioría das alteracións funcionais dos pés, pero en alteracións dixitais ou moi evidentes os nenos poden acudir en idades máis temperás.