Os pés deben protexerse do sol con protector varias veces ao día para evitar queimaduras

pies_y_solBorja Pérez, voceiro do Colexio de Podólogos:

“Andar pola area húmida da praia é bo para potenciar a musculatura dos pés, favorecer a circulación e eliminar lixeiramente as durezas”

O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda aos veraneantes extremar o coidado dos pés no verán, protexéndoos do sol, ao igual que o resto do corpo, cando se está na praia ou nunha piscina aplicando protector solar no dorso varias veces ao día. Os podólogos galegos aconsellan ter coidado ao camiñar descalzos pola praia, á beira do río ou nas piscinas. “Andar pola area húmida da praia é bo para potenciar a musculatura dos pés, favorecer a circulación e eliminar lixeiramente as durezas; pero por outras zonas sería conveniente camiñar cun calzado de protección para evitar feridas ao rozar coas rochas ou ao picarse coas púas dun ourizo” –destaca o voceiro do Colexio galego, Borja Pérez–.

As temidas rozaduras e ampolas do verán

O cambio de calzado é determinante para os pés na época estival, ademais das novas condicións climatolóxicas. “Pasamos dun calzado pechado a un aberto, prescindimos de calcetíns e medias que protexen os pés dentro do calzado de inverno” –indica o podólogo–. Un dos problemas máis comúns á hora do cambio de calzado en verán son as rozaduras e ampolas. As rozaduras débense á fricción do novo zapato contra a pel espida e poden provocar unha ferida. As ampolas teñen a mesma etioloxía, pero neste caso, en vez de lacerar a pel, levántana acumulando líquido debaixo e provocando a molestia.

A transpiración é outro dos inconvenientes do verán, que nos pés pode converterse nun verdadeiro problema, xa que existen múltiples glándulas sudoríparas neles. Nos pés dalgunhas persoas, tendentes a suar en exceso, prodúcese humidade elevada que acarrea problemas secundarios, desde grietas interdixitais ata patoloxías máis complicadas como os fungos, dando lugar ao famoso pé de atleta, outro dos problemas típicos en verán que consiste nunha infección por fungos debida a unha transpiración extrema e á humidade concentrada nos pés. “Debemos procurar secar moi ben os espazos entre os dedos tras a ducha e usar algún produto secante como os polvos de talco antes de calzarse” –apunta Borja Pérez–.

Outra patoloxía frecuente son os papilomas ou verrugas plantares que abundan en zonas húmidas e quentes como as piscinas, ximnasios ou saunas. Co uso dunhas chanclas apropiadas nestes lugares evítase o seu contaxio. No caso de aparecer débese acudir a un podólogo para a súa eliminación.