O Colexio de Podólogos de Galicia advirte do risco que entrañan as piscinas á hora de contraer enfermidades micóticas

hongoPara previr a aparición de fungos recomendan secar ben os pés logo de bañarse, usar sandalias ou zapatos ventilados e empregar talcos e cremas hidratantes

O Colexio de Podólogos de Galicia advirte á poboación do perigo de padecer fungos no verán, un período delicado para os pés a causa do maior uso de piscinas e duchas públicas. As infeccións micóticas poden ser de diferentes tipos e afectar a diversas partes do corpo. Unha das máis comúns no verán son as infeccións que aparecen nas unllas dos pés e na propia extremidade a causa da calor e a humidade.

 

 

“Non hai que confundir o feito de bañarse coas humidades, xa que os fungos aparecen por andar descalzos polas beiras da piscina, en vestiarios ou nas duchas públicas; por iso sempre hai que ir con zapatillas ou chanclas, mesmo usalas para ducharse” –matiza Borja Pérez, voceiro do Colexio de Podólogos de Galicia–. Os fungos que colonizan con máis frecuencia as unllas dos pés son aqueles que as volven marróns ou amarelentas, ofrecendo un aspecto descoidado.

Para previr estas infeccións os podólogos galegos recomendan secar completamente os pés despois de bañarse ou nadar, usar sandalias ou chancletas nos baños e piscinas públicas e cambiar os calcetíns o máis frecuentemente posible, a diario como mínimo. Ademais, os profesionais aconsellan empregar talcos de secado como medida preventiva en caso de ser propenso ou estar exposto constantemente a áreas onde se sospeita da súa presenza, por exemplo nas piscinas. Outra das recomendacións destes especialistas é usar zapatos ben ventilados e preferiblemente feitos de materiais naturais como o coiro, evitando o calzado con revestimento de plástico, e alternar o seu uso diariamente.

Os tratamentos de aplicación local sen receta médica resolven os problemas no inicio da infección. Se se trata dunha lesión máis grave haberá que acudir a procesos máis potentes, que teñen que ser prescritos polo podólogo ou o médico. Os tratamentos deben aplicarse de maneira constante, porque se se deixan a medias os fungos volverán a reproducirse.