Os peregrinos non deben usar nunca chanclas para andar, segundo advirte o Colexio de Podólogos de Galicia

peregrinoCamiñar con calzado que se adapte, protexa e suxeite, facilitando a mobilidade dos pés, son consellos prácticos da entidade profesional

Coa chegada do bo tempo e o inicio do verán aumenta considerablemente o número de peregrinos que percorren as rutas xacobeas ata chegar a Santiago de Compostela. Pero non só os peregrinos se botan a camiñar por terras galegas; os días longos e o maior tempo libre animan a moitas persoas a andar. O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda a todos os camiñantes o uso de zapatillas deportivas apropiadas, usadas, pero non moi desgatadas.

 

 

No caso dos peregrinos, que chegan a selar a compostela laiándose de rozaduras, ampolas e dores nos pés, o Colexio de Podólogos de Galicia lembra que o calzado tipo chancleta ou chancla non é recomendable para camiñar, porque non presta a suxeición apropiada por diante e detrás do pé. “Os peregrinos xamais deben usar chanclas para camiñar porque non suxeitan o pé. É un tipo de calzado que fai sufrir ao pé, no que hai que facer máis forza para andar e pode chegar a producir dor e mesmo traumatismos” –apuntan os podólogos galegos–.

O zapato ideal é aquel que se adapta ao pé protexéndoo, suxeitándoo e que permita a total mobilidade deste, sen interceder no movemento natural ao camiñar. Algunhas cuestións que se deben ter en conta á hora de elixir calzado, segundo a entidade colexial, son as seguintes:

  • Mercar calzados anchos, cómodos e flexibles, que non fagan presión e onde as dedas se poidan mover. Non debemos mercar zapatos agardando que vaian ceder.
  • Débense mercar a última hora da tarde, cando o pé alcanza o máximo volume e está máis dilatado. Ademais, así non haberá problemas nin equivocacións co número de calzado.
  • Elexir zapatos que permitan a transpiración para manter os pés limpos e secos.
  • Revisalo coas mans e comprobar que non teña costuras prominentes.
  • Intentar non levar moito tacón (2-4 cm) e alternar diferentes pares de zapatos.
  • Procurar non usar o mesmo par de zapatos durante moito tempo.
  • Recorde que os zapatos son persoais e intransferibles.

Remedios para o cansazo e dor de pés

Cando unha persoa camiña durante moito tempo, os pés soen inchar e mesmo chegan a doer. Nestes casos o mellor é elevalos e darles un baño de auga tépeda. Dentro das recomendacións básicas no coidado dos pés, o colexio galego pon especial fincapé na hixiene diaria dos pés, mediante un lavado con xabón neutro en auga morna ou fría, limpando os espazos entre as dedas durante aproximadamente cinco ou dez minutos, sen empregar cepillos duros que poidan danar a pel. Aconsellan secar os pés cunha toalla suave, sen deixar humidade entre as dedas para evitar a aparición de fungos, espullas ou bacterias, ou usando o secador de pelo a baixa temperatura.

Ademais, os podólogos galegos suxiren hidratar os pés con pequenas cantidades de cremas e aceites no dorso e na planta para evitar escamas, fendas e outras lesións dérmicas.

Outra das advertencias típicas dos podólogos é o corte das unllas, que se deben cortar rectas, con tesoiras de punta roma e hai que limalas. Tamén apuntan que é importante evitar as fontes directas de calor sobre os pés, tales como estufas, bolsas de auga quente ou mantas eléctricas.

O Colexio de Podólogos de Galicia aconsella acudir a un profesinal días antes de comezar o Camiño de Santiago, para comprobar que os pés se atopan nas mellores condicións posibles para camiñar.