Dez podólogos galegos asistirán aos atletas do IV Medio Maratón A Coruña21, que se celebra este domingo na cidade herculina

labaouO Colexio de Podólogos aconsella non estrear zapatillas deportivas o día da competición para evitar posibles lesións

O Colexio Oficial de Podólogos de Galicia colabora no IV Medio Maratón A Coruña21, que se celebra este domingo na cidade da Coruña. Formarán parte do dispositivo médico da proba, para o que se habilitará unha carpa nas inmediacións da meta. Un total de dez profesionais procedentes de toda Galicia integrarán o equipo de podólogos que asistirá aos participantes que o precisen tanto durante como despois da carreira.

O voceiro do Colexio, Borja Pérez Serrano, sinala que atenderán aos corredores que poidan sufrir algún tipo de alteración. Destaca que, no caso dos maratóns, as complicacións máis frecuentes son a aparición de ampolas, rozaduras e mesmo hematomas debaixo das unllas. O pé é a parte do corpo que máis estrés sofre neste tipo de actividades deportivas. Nesta liña, indican que “a prevención é crucial, xa que a miúdo pequenas alteracións estruturais do aparato locomotor poden provocar lesións, incluso ata chegar a facérense crónicas”. E resaltan a importancia de acudir ao podólogo, por ser o profesional sanitario formado especificamente na patoloxía do pé, co fin de que realice unha exploración biomecánica que avalíe a estática e a dinámica do pé, así como a súa relación co resto do aparato locomotor.

Consellos para os corredores

O Colexio de Podólogos de Galicia ofrece unha serie de consellos aos participantes no maratón. En primeiro lugar, indican que á hora de cortar as unllas se practique un corte recto, para evitar que se craven polo continuo traumatismo que sofre o pé durante a proba. Ademais, o roce, a fricción e os traumatismos de repetición poden provocar unha serie de complicacións como ampolas ou hematomas que pode previrse. Nesta liña, recomendan evitar os lavados con auga quente antes da actividade deportiva, xa que a pel se debilita, co que se incrementa o risco de aparición de ampolas. Ademais, lembran que cómpre empregar zapatillas de baño en vestiarios e duchas colectivas.

Por outro lado, os podólogos resaltan que os calcetíns que se empreguen durante a carreira deben ser de algodón ou fío. E tanto o calzado como o calcetíns non deben ter relevos nin costuras en contacto coa pel para evitar posibles lesións. Tamén recomendan acudir ao podólogo varios días antes da proba para que os pés se atopen nas mellores condicións posibles.

Os podólogos inciden en que non se debe estrear o calzado deportivo o día da competición. Este debe axeitarse ademais ás características da actividade e ao tipo de terreo onde se vaia desenvolver. Pola contra, se o calzado sofre un desgaste excesivo pode deberse a unha alteración da marcha, co que cómpre consultar o problema cun podólogo.

O Colexio de Podólogos informou aos vecinos da Coruña sobre o coidado dos pés

Por outro lado, o Colexio de Podólogos de Galicia organizou hoxe unha charla-coloquio no centro cívico municipal Labañou da Coruña sobre o papel dun coidado axeitado dos pés na saúde. A charla estivo impartida polos podólogos e representantes do Colexio de Podólogos de Galicia, o seu presidente, Alfonso Alonso, e Borja Pérez. O obxecto da charla foi informar á cidadanía sobre as doenzas podolóxicas, a importancia da prevención, as recomendacións básicas, as patoloxías máis comúns e cando acudir á consulta dun podólogo.

Estas charlas, organizadas e impartidas polo Colexio de Podólogos de Galicia, estenderanse durante os próximos meses a outros concellos de Galicia, converténdose nun ciclo itinerante sobre o coidado dos pés.