O Colexio de Podólogos de Galicia aconsella sobre o coidado axeitado dos pés e a importancia de acudir periodicamente ao especialista

lavado_piesMaría Fungueiriño, podóloga:

“Unha especial atención aos pés pode axudar a mellorar a calidade de vida”

O colectivo profesional impartiu hoxe unha charla informativa no centro cívico coruñés Castro de Elviña

O Colexio de Podólogos de Galicia celebrou hoxe unha charla-coloquio no centro cívico municipal Castro de Elviña na Coruña sobre o papel dun coidado axeitado dos pés na saúde. A charla estivo impartida pola podóloga María Fungueiriño. Ao acto tamén asistiu a vocal do Colexio de Podólogos de Galicia, Lucía Pazos. O obxecto da charla foi informar á cidadanía sobre as doenzas podolóxicas, a importancia da prevención, as recomendacións básicas, as patoloxías máis comúns e cando acudir á consulta dun podólogo.

A podóloga María Fungueiriño explicou que os pés son o elemento fundamental que suxeita o corpo e precisan un axeitado coidado para previr afeccións nas articulacións, cadeiras, xeonllos e na columna vertebral. “Unha atención especial aos pés pode axudar a mellorar a calidade de vida” –puntualizou–.

A especialista recomendou aos asistentes o coidado e hixiene dos pés, mediante un lavado con xabón neutro en auga morna ou fría, limpando os espazos entre as dedas durante aproximadamente 5 e 10 minutos, sen empregar cepillos duros que poidan danar a pel. Ademais, aconsellou secar os pés cunha toalla suave, sen deixar humidade entre as dedas para evitar a aparición de fungos, espullas ou bacterias, ou usando o secador de pelo a baixa temperatura.

Ademais, María Fungueiriño suxeriu hidratar os pés con pequenas cantidades de cremas e aceites no dorso e na planta para evitar escamas, fendas e outras lesións dérmicas. “Hai que hidratar os pés, pero nunca botar cremas entre as dedas porque poden aparecer fungos” –recalcou–.

Outra das advertencias típicas dos podólogos é o corte das unllas. A podóloga indicou que as unllas débense cortar rectas, con tesoiras de punta roma e hai que limalas. Tamén lembrou que é importante evitar as fontes directas de calor sobre os pés, tales como estufas, bolsas de auga quente ou mantas eléctricas. “Se os pés están fríos hai que usar calcetíns de lá, patucos ou cubrilos cunha manta” –matizou.

Dentro das recomendacións básicas no coidado dos pés, a podóloga precisou que é conveniente facer “unha revisión anual cun podólogo, aínda que non se teña ningunha afección puntual, co fin de tratar posibles patoloxías indoloras que poder ter nefastas repercusións na marcha e tamén na estática”.

Coidados específicos para os maiores

Un dos grupos de risco n podoloxía son as persoas maiores, que cos anos notan como a súa pel se avellenta e comeza a secarse, aumentando a posibilidade de desenvolver patoloxías. Así, os últimos estudos indican que o 90% das persoas maiores de 65 anos sofren afeccións podolóxicas, en moitos casos equivocadamente asumidas como propias da idade e que dificultan a súa actividade diaria. “Os maiores deben manter uns hábitos de coidado dos pés, evitando a auga moi quente e as fontes de calor directas, e tomando precaucións á hora de andar descalzos, mesmo pola praia” –explicou Fungueiriño–.

No caso dos pés diabéticos, a experta explicou que sofren máis frecuentemente erosións, cortes e queimaduras, que poden chegar a converterse en úlceras, e en casos extremos, levar á amputación. As persoas diabéticas deben, ademais de seguir os consellos de lavado, secado e hidratación, revisarse diariamente os pés, inspeccionando as rozaduras, chagas, ampolas e durezas. Os deportistas son outro grupo que soe resentirse dos seus pés. A podóloga recomendoulles o uso de zapatillas deportivas axeitadas para cada actividade deportiva.

O Colexio de Podólogos de Galicia celebrará unha segunda charla o venres, 25 de maio, ás 11:00 horas no centro cívico municipal de Labañou. Estas charlas estenderanse durante os próximos meses a outros concellos de Galicia, converténdose nun ciclo itinerante sobre o coidado dos pés.