Podólogos procedentes de toda Galicia formarán parte do dispositivo médico do primeiro maratón galego, que se celebra este domingo na Coruña

maratonO Colexio de Podólogos alerta da situación irregular que supón que tendas de deporte fagan diagnósticos de “pronador” e “supinador”, cos consecuentes riscos para os afectados

O Colexio Oficial de Podólogos de Galicia colabora no primeiro maratón galego, que se celebra este domingo na cidade da Coruña. Formarán parte do dispositivo médico da proba, para o que se habilitará unha carpa nas inmediacións da meta. Un total de vinte profesionais procedentes de toda Galicia integrarán o equipo de podólogos que asistirá aos participantes que o precisen tanto durante como despois da carreira. Dende o Colexio informan de que os estudantes desta especialidade tamén poderán acudir para coñecer de preto como traballan os profesionais neste tipo de situacións.

O voceiro do Colexio, Borja Pérez Serrano, sinala que atenderán aos corredores que poidan sufrir algún tipo de alteración. Destaca que, no caso dos maratóns, as complicacións máis frecuentes son a aparición de ampolas, rozaduras e mesmo hematomas debaixo das unllas.

O pé é a parte do corpo que máis estrés sofre neste tipo de actividades deportivas. Nesta liña, indican que “a prevención é crucial, xa que a miúdo pequenas alteracións estruturais do aparato locomotor poden provocar lesións, incluso ata chegar a facérense crónicas”. E resaltan a importancia de acudir ao podólogo, por ser o profesional sanitario formado especificamente na patoloxía do pé, co fin de que realice unha exploración biomecánica que avalíe a estática e a dinámica do pé, así como a súa relación co resto do aparato locomotor.

Pronador ou supinador?

Dende o Colexio de Podólogos queren alertar sobre a campaña que se está a levar a cabo dende algúns establecementos comerciais deportivos, que, “co afán de vender un modelo de calzado determinado, en particular zapatillas para pronadores, ofrecen estudos da pegada do pé, que nada teñen que ver co diagnóstico dun profesional”. Tal como explica Pérez Serrano, “a pronación é un movemento natural que nos permite amortiguar impactos, adaptarnos ao terreo ou compensar patoloxías a outros niveis, de xeito que non sempre representa un problema”. Polo tanto, manifesta que é o podólogo quen debe decidir cando e como debe controlarse.

O voceiro do Colexio manifesta que esta situación pode conlevar graves complicacións para as persoas que se sometan ao diagnóstico dun vendedor. “Este tipo de diagnósticos téñense que facer nun centro sanitario e non nunha tenda de deportes e teñen que ser supervisados por profesional cualificado” -declara Pérez Serrano-. Nesta liña, o voceiro do Colexio pon de manifesto que xa teñen detectado erros de diagnóstico importantes nas súas consultas.

Nos vindeiros días o Colexio Oficial de Podólogos manterá unha reunión con responsables de inspección sanitaria da Xunta de Galicia para informarlles sobre a situación irregular que implica que dende un centro de deportes se aborden cuestións de tipo médico. “Con esta xuntanza buscamos que a Administración teña coñecemento de que se está a infrinxir a normativa para que actúe en consecuencia” -afirma o representante do colectivo-.

Consellos para os corredores

Dende o Colexio de Podólogos de Galicia queren ofrecer unha serie de consellos aos participantes no maratón. En primeiro lugar, indican que á hora de cortar as unllas se practique un corte recto, para evitar que se craven polo continuo traumatismo que sofre o pé durante a proba. Ademais, o roce, a fricción e os traumatismos de repetición poden provocar unha serie de complicacións como ampolas ou hematomas que pode previrse. Nesta liña, recomendan evitar os lavados con auga quente antes da actividade deportiva, xa que a pel se debilita, co que se incrementa o risco de aparición de ampolas. Ademais, lembran que cómpre empregar zapatillas de baño en vestiarios e duchas colectivas.

Por outro lado, os podólogos resaltan que os calcetíns que se empreguen durante a carreira deben ser de algodón ou fío. E tanto o calzado como o calcetíns non deben ter relevos nin costuras en contacto coa pel para evitar posibles lesións. Tamén recomendan acudir ao podólogo varios días antes da proba para que os pés se atopen nas mellores condicións posibles.

Os podólogos inciden en que non se debe estrear o calzado deportivo o día da competición. Este debe axeitarse ademais ás características da actividade e ao tipo de terreo onde se vaia desenvolver. Pola contra, se o calzado sofre un desgaste excesivo pode deberse a unha alteración da marcha, co que cómpre consultar o problema cun podólogo.