O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda practicar exercicio físico, hixiene diaria e calzado apropiado para un correcto coidado dos pés

Sinala que coa atención debida previranse, ademais, problemas de xeonllos, cadeiras e costas

O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda coidados básicos e calzado axeitado para camiñar, xa que a chegada da primavera e as vacacións de Semana Santa, con días máis longos, supón a saída ao monte de moitos sendeiristas e camiñantes que se lanzan a facer as rutas xacobeas.

 

 

Os podólogos sinalan que “non prestamos a atención debida aos pés, porque parece que poden con todo, pero non é así, porque un mal funcionamento do pé pode producir diversos problemas no resto do organismo, como afeccións nos xeonllos, cadeiras e costas”, polo que recomendan algunhas prácticas moi sinxelas. Falan de lavalos diariamente con auga morna e xabrón neutro; secalos minuciosamente, especialmente entre os dedos; manter unha boa hidratación da pel e cortar as unllas rectas, que en caso de problemas o podólogo indicará a mellor forma de cortalas segundo a súa morfoloxía. Son consellos básicos que “todos debéramos incorporar ás nosas rotinas de aseo persoal”, segundo explican dende o colexio profesional.

Practicar exercicio físico regularmente axuda tamén a reactivar a circulación sanguínea dos pés, indican os profesionais. Á hora de saír a camiñar, usarase un calzado apropiado para a distancia e tipo de solo, “tendo moi presente que sempre debe ser un zapato que se adapte ao pé protexéndoo e suxeitándoo, pero sen interferir no seu movemento natural ao camiñar”, advirten. Os calcetíns e medias deben ser preferiblemente de fibras naturais, como seda, fío, lá, tendo en conta que non opriman en exceso. “Moi importante é saber que non se deben manipular as lesións, xa que usar cuchillas ou callicidas pode traer graves consecuencias”, segundo advirten.

O colexio profesional destaca que os podólogos son os profesionais sanitarios, de cualificación universitaria, que atenden o correcto coidado dos pés, así como os súas afeccións e deformidades. Malia que os pés dunha persoa recorren unha distancia equivalente a oito voltas ao mundo ao logo da súa vida, “seguen a ser os grandes esquecidos”, segundo lamenta a entidade colexial.