Os biólogos manifestan que cómpre investir nos espazos protexidos que existen en Galicia, que representan o 12% do territorio, para fixar a poboación

encina_da_lastra_vlcDestacan que boa parte destes espazos están ligados a explotacións agrarias e gandeiras, que na actualidade están a sufrir dificultades

Os primeiros parques nacionais europeos declaráronse en Suecia o 24 de maio de 1909. Para conmemorar ese día, a Federación de Parques Naturais e Nacionais de Europa (EUROPARC) celebrou por primeira vez en 1999 o Día Europeo dos Parques Nacionais. O lema elixido para este ano é “A biodiversidade e as persoas nos espazos naturais protexidos”.

 

Con motivo desta efeméride, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- lembra que en España existen máis de 1.600 espazos naturais protexidos, dos cales só 6 millóns de hectáreas se corresponden con espazos terrestres, o que representa un 12% da superficie española, fronte ás 250.000 hectáreas mariñas protexidas. Segundo os datos aportados polo Colexio, máis de 1.000 concellos teñen territorio dentro dos parques e nestes municipios viven máis de 17,5 millóns de persoas. “En Galicia temos a sorte de ter un 12% do espazo protexido e a desgraza de non aproveitar este tesouro” -manifestan dende o organismo colexial-.

Dende o COBGA indican que “cómpre investir nestes espazos para fixar á poboación, do contrario, ao paso que imos, teremos que investir moito máis para conservar estas zonas. Non esquezamos que moitos dos hábitats que temos que protexer están ligados a explotacións agrarias e gandeiras, que nestes intres non están a pasar por un bo momento”.

No relativo ao medio mariño, os biólogos resaltan que convive de diferentes xeitos co medio natural. Por un lado, destacan o marisqueo, “con bos resultados na xestión exceptuando o furtivismo-, cos mariscadores practicando unha explotación sostible, traballando para ter un ecosistema produtivo, denunciando a contaminación, coidando os cultivos…”. E, por outro lado, indican que “moitos pescadores seguen a ver o mar como algo que cómpre explotar ao máximo porque se non o facemos nós farano outros; e aínda son poucos os que apostan por fórmulas de xestión sostible”.

Para os biólogos o medio mariño é a materia pendente en Galicia

Os biólogos consideran que o medio mariño é a materia pendente de Galicia. “Aproveitámolo moito pero non o defendemos nada” -declaran-. Nesta liña, denuncian que os fondos mariños seguen a ter aparellos rabuñantes (como o caso do endeño remolcado) que destrúen os fondos, ademais dos vertidos ou sentinazos, xunto cos furtivos que reventan o mercado.

Por outro lado, os biólogos afirman que as rías e ríos galegos seguen a recibir todos os días millóns de litros de augas residuais sen un tratamento axeitado, de xeito que urxe o seu saneamento. Nesta liña, destacan tamén a necesidade de separar as augas pluviais das residuais, xunto cunha maior educación e sensibilización ambiental. Así, dende o Colexio de Biólogos consideran que “falta sensibilización por parte dos galegos e os nosos espazos naturais necesitan do noso apoio”. Ademais, sinalan que as persoas que viven nestes espazos fixeron posible moitas veces a súa protección, aínda que en moitas ocasións tamén a súa destrución.

“Estes espazos son de todos os galegos, polo que debemos investir neles, protexer a súa riqueza natural, etnográfica, cultural e mesmo ás persoas que habitan neles” -declaran dende o COBGA-.

O Colexio Oficial de Biólogos anima aos cidadáns a visitar os parques naturais de Galicia: Monte Aloia, Corrubedo, Baixa Limia-Serra do Xures, Enciña da Lastra, Eume, Invernadoiro; ademais do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os biólogos consideran que “son bos lugares para gozar do tempo de lecer e unha maneira de axudar a mantelos”.

Dende o COBGA manifestan que “é necesario e urxente” que Galicia adapte a súa lexislación en materia de conservación da natureza, que data do ano 2001 (Lei 9/2001 de Conservación da Natureza) á norma básica estatal neste ámbito (Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade).