Os biólogos destacan que cómpre incrementar os bosques de especies caducifolias autóctonas, xa que teñen baixa combustibilidade, de cara a reducir a propagación dos incendios forestais

incendiosMañá martes celébrase o Día Internacional dos Incendios Forestais. Con motivo desta conmemoración, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- destaca que a xestión forestal debe contemplar o alto risco de incendios que existe en Galicia, de cara a planificar e investir sobre todo en tarefas de prevención.

 

Os biólogos resaltan que a gran repercusión que os incendios forestais están a ter nos ecosistemas forestais galegos levou a estudar en profundidade as súas implicacións biolóxicas e ecolóxicas. Así, en Galicia hai numerosos equipos de científicos que dispoñen dun importante coñecemento sobre os graves efectos edáficos, hidrolóxicos, biolóxicos e ecolóxicos que desencadean os lumes.

“Cada ano, ao achegarse a tempada de máximo risco de incendios debemos reflexionar sobre a importancia dos mesmos e dende o COBGA consideramos que temos que evitar ao máximo as situacións de risco tanto para as personas como para os ecosistemas” -manifestan-. Así, dende o Colexio teñen proposto, de xeito reiterado, unha serie de actuacións de prevención de incendios e de restauración de áreas incendiadas, baseándose en diversas experiencias científicas e técnicas.

Nas operacións de roza do monte deben evitarse os herbicidas

Entre as medidas de xestión propostas polo COBGA destaca a prevención mediante a regulación do combustible. Nesta liña, consideran que “os ecosistemas de alto valor ecolóxico deben ser preservados do lume, xa que poden presentar serias dificultades para a súa recuperación”. Sinalan que as técnicas de roza manual ou mecánica do monte deben aplicarse de xeito continuo a todos os espazos de risco. “É importante crear mosaicos de ecosistemas con diferente estrutura e romper así a continuidade do combustible, co fin de evitar a propagación do lume” -indican os expertos-. Apuntan que se deben evitar as rozas químicas con herbicidas, xa que causan danos ecolóxicos nos propios ecosistemas forestais nos que se usan e tamén nos ríos.

Dende o Colexio afirman que é moi recomendable empregar o pastoreo, botando man de razas autóctonas, como medida para controlar o combustible baixo. Ademais, “débese potenciar a diversificación da cuberta forestal, incrementando a abundancia de bosques de especies caducifolias autóctonas, que teñen baixa combustibilidade, e poden crear así áreas arboradas de menor risco de propagación” -afirman-. E sinalan que cómpre retirar sempre o arborado caído despois de ciclóns como o Klaus ou o Xynthia, xa que causa enormes riscos.

Outra das medidas de xestión que suxiren os biólogos é a prevención mediante a educación e a sensibilización da poboación. “Os cidadáns deben coñecer o enorme impacto negativo que os incendios teñen sobre os ecosistemas terrestres, as augas, a atmosfera ou a economía do país” -manifestan-. Por esta razón, entenden que a sensibilización pública e tamén de todos os profesionais relacionados co medio forestal debe contemplarse como unha ferramenta de vital importancia para lograr un cambio de mentalidade fronte ao lume.

Moitas operacións de restauración realizadas en montes galegos teñen xerado máis danos ecolóxicos e de erosión que os propios incendios

Por outro lado, os biólogos destacan a importancia que ten a restauración das áreas incendiadas. En relación a isto sinalan que “se poden restaurar e revexetar os espazos incendiados, pero consideramos que debe facerse só naqueles territorios susceptibles de sufrir unha elevada erosión de solos e de especies”. Así, aseguran que “temos moitos exemplos recentes de operacións de restauración moi mal realizadas en montes galegos, que teñen xerado máis danos ecolóxicos e de erosión que os propios incendios. Cómpre ter en conta que a rexeneración natural dos ecosistemas é moi equilibrada e na maioría dos casos non é preciso empregar técnicas agresivas de restauración artificial”.

Dende o COBGA indican que, de levárense a cabo tarefas de restauración, cómpre empregar criterios do máximo rigor ecolóxico e xenético no relativo á elección das especies arbóreas, arbustivas e herbáceas; que deberán ser compatibles coa conservación do ecosistema e co desenvolvemento sostible de cada territorio. Así, consideran que convén dispoñer das estruturas necesarias (sementeiros, viveiros…) de cara ás operacións de restauración da vexetación de cada zona. E indican que deben empregarse sempre técnicas de implantación da planta forestal que resulten pouco destrutivas para o solo.

Dende o COBGA manifestan que as accións propostas para a xestión forestal en relación con incendios contribuirían a diversificar e a aumentar a economía das áreas rurais e a poñer en valor os espazos forestais.