A decana do Colexio de Biólogos de Galicia, Mercedes Casal, pon de manifesto o desequilibrio que existe entre homes e mulleres nos sectores profesional e académico

Mercedes_Casal_vlcA decana do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA-, Mercedes Casal Jiménez, impartiu esta tarde unha conferencia sobre “Mulleres biólogas e emprego” na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago. Durante a súa intervención abordou a situación das mulleres biólogas nos colexios profesionais, así como nos eido laboral e académico. E puxo de manifesto as diferenzas que existen entre homes e mulleres nos diversos sectores.

 

No relativo á situación de xénero nos Colexios Oficiais de Biólogos que existen en España, a decana sinala que, en xeral hai unha baixa representación de mulleres nos equipos directivos, a pesar de que son máis colexiadas que colexiados. Os COBs con maior número de colexiados son Cataluña, Madrid e Galicia, que teñen, respectivamente, un 63%, un 62% e un 61% de mulleres colexiadas.

Segundo os datos proporcionados pola decana, a escala nacional existe unha diferenza acusada na proporción de colexiadas (57%), directivas (28%) e directivas no Consello de Colexios (11%). Nesta liña, Casal manifesta que “cómpre promover a participación de mulleres nos aspectos organizativos dos Colexios Oficiais de Biólogos”.

Dos 1.560 biólogos colexiados en Galicia, o 61% son mulleres e o 39% homes

Na actualidade en Galicia hai 1.560 biólogos colexiados, dos cales o 61% son mulleres e o 39% homes. A decana apunta que hai sectores que se desvían moito da cifra agardada do 61% de mulleres, sendo máis alta a proporción de biólogas que traballan no eido da sanidade. Pola contra, a cifra máis baixa atópase no sector servizos e no sector primario.

Casal afirma que “cómpre analizar en profundidade as diferenzas de xénero que existen entre o ámbito da sanidade e outros sectores de actividade profesional e comprobar se é necesaria a formación continuada para paliar este efecto”.

A Consellería do Mar é na que existe unha maior paridade entre mulleres e homes biólogos

Tal como lembra a decana do COBGA, no ámbito laboral da Administración autonómica os biólogos poden exercer no Corpo Especial Facultativo (escala de biólogos) ou no de Profesores de Bioloxía/Xeoloxía (corpo de Ensino Medio). Segundo os datos aportados pola profesora, no relativo aos postos técnicos que os biólogos desempeñan na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na Consellería de Medio Rural e na Consellería do Mar ponse de manifesto que o 42% de biólogos son mulleres, aínda que hai diferenzas importantes entre estes organismos. Na que existe maior paridade entre mulleres e homes biólogos é na Consellería do Mar.

En canto á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, os datos facilitados pola Subdirección Xeral de Sistemas de Información poñen de relevo a elevada cifra de profesores de Bioloxía e Xeoloxía de ensino secundario, un total de 865, na súa maioría titulados en Bioloxía. O 66% deste colectivo son mulleres, aínda que entre os interinos a porcentaxe ascende ata o 70%.

Nos equipos de goberno das tres facultades galegas as mulleres representan o 60%, mentres que as profesoras son só o 46%

En Galicia hai unha Facultade de Bioloxía en Santiago, outra en Vigo, ademais da Facultade de Ciencias da Coruña. En canto á situación dos biólogos, as tres facultades presentan rasgos comúns. Así, as alumnas da titulación en Bioloxía alcanzan o 66% na Universidade de Vigo e o 65% nas Universidades de Santiago e A Coruña. No relativo á proporción de alumnas de posgrao, reflíctese unha tendencia variable respecto ás cifras anteriores, de xeito que descende na USC, mantense na UDC e sube na UVigo. Respecto ao número de profesores, rexístrase unha redución de mulleres biólogas en todos os casos.

Segundo os datos globais das tres universidades, en Galicia as alumnas da licenciatura alcanzan o 65%, as de posgrao o 61% e as profesoras o 46%. Destaca a USC, con tan só o 40% de profesoras. Pola súa parte, nos equipos decanais das facultades a porcentaxe de mulleres ascende ao 60%.

Mercedes Casal considera que “dende as institucións cómpre promover o equilibrio  e buscar cambios na dinámica organizativa, manter observatorios e avaliar de xeito periódico a situación para evitar estes desequilibrios de xénero”. A decana  destaca tamén a necesidade de “manter boas estatísticas que permitan unha transparencia da información por parte dos organismos públicos”.