Un total de 99 estudantes de 33 centros de ensino secundario de toda Galicia están inscritos na VII Olimpíada Galega de Bioloxía

bioloxia_vigo_webO certame, que se celebrará a principios do vindeiro ano en Vigo, diríxese a estudantes de segundo de bacharelato

O vindeiro mes de xaneiro, o día 13, celébrase a Olimpíada Galega de Bioloxía. Estas probas, que xa cumpren a súa sétima edición, realizaranse este ano na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. O certame diríxese aos alumnos que cursan segundo de bacharelato. Na súa organización colaboran o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA-, as tres universidades galegas (A Coruña, Santiago e Vigo) e a Xunta de Galicia.

 

Xa rematou o prazo de inscrición para os estudantes interesados en participar nesta fase galega. Segundo os datos aportados polo coordinador destas probas en Galicia, o biólogo Pedro Nozal Cantarero, o número de inscritos é de 99 alumnos, procedentes de 33 centros educativos de toda Galicia. A maioría dos aspirantes son da provincia de Pontevedra, con 45 alumnos; da Coruña están inscritos 42 estudantes; 11 da provincia de Ourense e 1 de Lugo.

Os gañadores representarán a Galicia na Olimpíada Nacional, que se celebrará en Murcia en abril de 2012

A organización do certame establece un número máximo de catro estudantes por centro educativo, ademais doutros catro suplentes por se algún dos seleccionados non se puidera presentar. Os alumnos elixiranse en base ás cualificacións obtidas en Bioloxía e Xeoloxía no primero curso de bacharelato. Co fin de que poidan participar o maior número de centros posible, escollerase o estudante mellor cualificado de cada centro e, os restantes, ata que se completen as prazas. Os seleccionados daranse a coñecer a partir do 5 de decembro.

Os tres gañadores da fase galega representarán á comunidade autónoma na fase nacional, que nesta ocasión se celebrará en Murcia en abril do vindeiro ano. Ademais, cada unha das tres universidades galegas concederá unha axuda aos gañadores por matriculárense en calquera das súas facultades.