Un biólogo identifica un total de 727 especies de plantas diferentes no territorio de Ferrol, o que representa a metade da flora da provincia da Coruña e unha terceira parte da que existe en Galicia

pancratium_maritimum_webUn 12% da flora do municipio son especies exóticas, procedentes na súa maioría de América ou de Sudáfrica

Por primeira vez unha publicación reúne todas as plantas que existen no municipio de Ferrol. Trátase do “Catálogo da flora vascular do Concello de Ferrol”, realizado polo biólogo Jaime Fagúndez Díaz. O libro recolle datos relativos á localización das plantas, distribución, abundancia, se é unha especie invasora, se hai problemas para a súa identificación… Este catálogo de especies elaborouse a partir da información obtida das referencias bibliográficas, das mostras existentes en herbarios oficiais e tamén das observacións e recoleccións propias.

Tal como indica o autor, “na actualidade valores como a biodiversidade atópanse entre os principais indicadores de riqueza de países e territorios e debemos ser conscientes dos nosos recursos para xestionalos e explotalos de maneira axeitada”. Por esta razón, considera que “o coñecemento e a divulgación deben ser un primeiro paso para que comprendamos e coidemos os valores naturais da nosa terra”. Nesta liña, o biólogo asegura que “Ferrol é un municipio cunha alta diversidade de paisaxes e usos humanos”. O catálogo recolle un total de 727 especies diferentes. Estas cifras representan a metade da flora da provincia da Coruña, cun total de 1.488 especies; e unha terceira parte da flora total que existe en Galicia, 2.391 especies.

Boa parte das especies exóticas introducíronse para uso agrícola, forestal ou ornamental

A presenza de especies exóticas, e dentro destas aquelas que se comportan como invasoras, é unha das maiores ameazas contra a biodiversidade, posto que compiten cos elementos autóctonos e contribúen á súa desestabilización. Segundo os datos aportados polo biólogo, a flora exótica supón un 12% da flora total presente no municipio. Esta porcentaxe coincide cos valores nacionais e, ademais, as cifras son similares aos doutros territorios próximos como o País Vasco, León ou Portugal.

O autor sinala que máis da metade destas especies invasoras introducíronse de maneira intencionada, ben para uso forestal ou agrícola e, en boa parte dos casos, para uso ornamental. Respecto á orixe destas especies, máis da metade proveñen de América do Norte ou de América do Sur, aínda que tamén destaca a presenza dunha gran cantidade de especies procedentes da rexión do Cabo, en Sudáfrica.

Do total de especies exóticas que existen no municipio, 14 (16%) teñen un comportamento claramente invasor, é dicir, son agresivas co medio e coas especies autóctonas; e as medidas de control e erradicación nestes casos son complicadas e custosas -tal como sinala o autor deste estudo-. Outras 30 especies (34%) mostran un comportamento menos invasivo e o resto supoñen unha ameaza baixa. En definitiva, a metade das especies exóticas que existen no municipio son invasoras.

Hai un bo número de especies, que, pola súa rareza, merecen unha protección especial

Por outro lado, o autor resalta que a presenza en Ferrol dun bo número de especies endémicas, raras ou ameazadas é “un síntoma dun alto valor natural”. E, en consecuencia, pon de manifesto o “enorme interese” que ten esta zona de cara á conservación da súa biodiversidade.

Debido á súa rareza, estas especies merecen unha protección especial. É o caso da camariña (Corema album), unha planta en regresión na súa área de distribución e moi escasa en Ferrol. Jaime Fagúndez sinala que nos ecosistemas costeiros viven unha gran parte das especies de maior interese, como a Centaurea borjae, un endemismo en perigo de extinción que só se atopa en Ferrol -nos cantís de Cabo Prior- e na serra da Capelada. Por outro lado, nas dunas ferrolás vive a Omphalodes littoralis, outro endemismo galego ameazado pola presión humana no seu ecosistema. Tamén hai especies de interese noutros ambientes como son as escasas fragas do concello ou as turbeiras.

O autor é profesor de Botánica da Universidade da Coruña

Jaime Fagúndez Díaz naceu en Vigo no ano 1974. É doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de Botánica na Universidade da Coruña. Entre as súas publicacións destaca o libro sobre flora exótica invasora de Galicia, publicado pola Xunta de Galicia.

O seu traballo na localidade ferrolá tense recollido en varias publicacións científicas e informes técnicos para o Concello, con motivo da candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade. E tamén para a Delegación de Costas, como é o caso do informe sobre plantas ameazadas en relación co proxecto do posto de socorrismo e a escola deportiva da praia de Outeiro, en Doniños. Ten colaborado con diversos grupos ecoloxistas e naturalistas da comarca ferrolá, coa emisión de informes como o do humidal de Soagraña -en Covas- ou a fraga de Menáncaro -en Serantes-.

O catálogo, que consta dun total de 165 páxinas, está editado por “Jolube”, editorial especializada en temas botánicos e ambientais. O prólogo é de Jesús Izco Sevillano, catedrático de Botánica da Universidade de Santiago. A publicación pode adquirirse tanto en librerías como a través de internet (www.jolube.net).