As empresas máis contaminantes deberán dispor dunha garantía financeira para responder ante posibles danos ao medio

relatoresO Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- e a entidade de certificación EQA organizaron esta semana unha xornada informativa sobre responsabilidade ambiental na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago. Abordouse a obrigatoriedade de realizar unha análise de risco ambiental, a necesidade de responder ante os danos causados ao medio e o establecemento de diferentes formas de garantía financeira.

A xornada, a primeira sobre este tema que se realiza en Galicia, centrouse na Lei de Responsabilidade Ambiental, que regula as obrigas dos que desempeñan actividades económicas ou empresariais de cara a previr, evitar e reparar os danos no medio. Tratáronse os principais requisitos que a normativa establece para a súa aplicación por parte das empresas con maior potencial contaminante, así como os métodos de traballo que deben seguirse para cumprilos.

Moitas empresas están obrigadas a avaliar o seu risco ambiental

“Trátase dunha lei pioneira en Europa, xa que en España estamos á cabeza en esixencia, pero en Galicia existe un gran descoñecemento sobre a mesma entre o sector empresarial, a pesar de que obriga, dende hai tres anos, a responder fronte a danos ao medio” -manifesta o coordinador desta iniciativa, o biólogo FernandoGarcía Sanz-. Sinala que esta normativa afecta á práctica totalidade de actividades empresariais e que, ademais, supón unha importante fonte de emprego para técnicos, entre eles o colectivo de biólogos.

O experto destaca que a Lei establece que determinadas actividades deberán dispor dunha garantía financeira destinada a cubrir os custos do posible dano que poidan xerar. Nesta liña, durante a xornada informouse dos métodos e ferramentas que existen en cada sector, en función da súa perigosidade, para a análise de riscos ambientais. Así, facer vertidos ao dominio público, o almacenamento de mercancías perigosas ou a xeración de residuos obrigan ás empresas a realizar unha avaliación ambiental.

O biólogo explica os pasos que han de seguir as empresas para o cumprimento dos requisitos establecidos na Lei de Responsabilidade Ambiental. Así, en primeiro lugar “deberán levar a cabo unha avaliación do seu risco ambiental, mediante unha metodoloxía que permita caracterizar de xeito obxectivo e cuantitativo os posibles danos xerados ao medio por unha determinada actividade. Nesta avaliación teranse en conta, entre outros aspectos, a identificación de perigos e a súa causa, a identificación de sucesos iniciadores, a creación de posibles escenarios de accidentes, así como a estimación do risco e das súas consecuencias futuras”.

Fernando García Sanz sinala que cómpre facer tamén unha valoración económica dos danos, a partir dos datos obtidos no proceso de avaliación do risco ambiental. O seguinte paso é que unha entidade independiente e acreditada para a revisión deste tipo de traballos verifique toda a información adquirida. Por último, é obrigatorio establecer unha garantía financeira de cara a repoñer os danos no caso de que se produza un accidente ambiental.

O Ministerio de Medio Ambiente vai publicar unha serie de ordes ministeriais para o cálculo do risco en cada sector

Os profesionais reunidos nesta xornada mostraron o seu interese pola contratación de seguros, o límite da responsabilidade ambiental e os posibles danos causados por actividades como parques eólicos ou minicentrais hidroeléctricas. Tal como indica García Sanz, para que a aplicación da Lei de Responsabilidade Ambiental sexa efectiva, o Ministerio de Medio Ambiente deberá publicar antes do 30 de abril unha serie de ordes ministeriais específicas para o cálculo do risco en cada sector de actividade.

“Con iniciativas deste tipo búscase achegar a empresas e técnicos o coñecemento dos  requisitos establecidos na Lei, así como a metodoloxía para cumprilos” -sinala o coordinador-. Afirma que se trata tamén de lograr a apertura de mercados na implantación da avaliación de riscos ambientais, así como a súa validación por parte de entidades certificadoras. “E procúrase fomentar a colaboración profesional entre os diferentes técnicos que interveñen na aplicación da normativa neste ámbito” -declara García Sanz-.

A xornada reuniu a un grupo de relatores, expertos en seguros e consultores no eido ambiental, así como a un cento de representantes de empresas punteiras en diversos ámbitos, ademais de consultores, avogados, enxeñeiros e estudantes de Bioloxía. O encontro posibilitou “un fructífero intercambio científico-técnico e xurídico” -segundo palabras do coordinador desta iniciativa-.