Os biólogos aseguran que Galicia ten capacidade para que a produción enerxética se realice dende a propia comunidade, reducindo a dependencia do exterior

os biólogos resaltan o alto valor enerxético dos residuos agrariosMañá venres celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Con motivo desta conmemoración, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- incide en que a utilización e o aproveitamento racional da enerxía son elementos esenciais no desenvolvemento da humanidade.


 

Dende o Colexio lembran que Galicia ten sido consumidora de fontes propias de enerxía, como a leña para a cociña e a calefacción, ou a auga para a produción eléctrica ou para a súa transformación en enerxía mecánica. Pero destacan que “co desenvolvemento social e industrial foise substituíndo o consumo enerxético tradicional por fontes non renovables -como o carbón, o petróleo e os seus derivados ou o gas natural-, cuxas reservas diminúen a medida que se consumen”.

O organismo colexial pon ademais de manifesto que estas fontes de enerxía se orixinan fóra das nosas fronteiras, co que “o desenvolvemento da nosa comunidade depende en gran medida do exterior”. Non obstante, aseguran que Galicia dispón dunha “importante capacidade de xestión de determinados recursos naturais, o que posibilita que a produción enerxética se realice dende a propia comunidade”.

“Galicia conta cunha serie de recursos naturais de alto valor enerxético e pouco explotados na actualidade. A revalorización do campo, o aproveitamento dos residuos agrarios ou a optimización na xestión do mundo rural posibilitarían un crecemento sostible que redundaría a longo prazo nun mellor reparto da poboación” -manifestan-.

Os biólogos afirman que “o aproveitamento dos residuos xerados nas explotacións agrarias contribuiría a optimizar o rendemento do sector, facéndoo máis competitivo, diversificando a produción e mellorando a visión do mesmo por parte da poboación”. Por outro lado, aseguran que así se favorecería a diversificación na produción enerxética en Galicia, reducindo a dependencia externa e dándolle máis valor aos recursos presentes no campo galego. Ademais, eliminaríanse os fortes impactos ambientais que xera unha xestión incorrecta destes residuos como os malos olores, a contaminación das augas subterráneas ou o incremento no risco de incendios forestais.

Os biólogos apostan pola modificación dos hábitos de consumo e o fomento dun plan de autosuficiencia e aforro enerxético

Dende o Colexio de Biólogos de Galicia apóstase pola modificación dos hábitos de consumo en xeral e polo fomento dun plan de autosuficiencia e aforro enerxético en particular. Entre as iniciativas que propoñen destacan a necesidade de realizar auditorías de eficiencia enerxética tanto nas actividades industriais como nos edificios, coa finalidade de establecer medidas que permitan reducir o consumo naqueles puntos nos que se observe que é superior ao necesario para a realización dunha determinade actividade.

Por outro lado, lembran a importancia de substituír os sistemas de iluminación tradicionais por lámpadas de baixo consumo, que permiten un aforro de ata un 80%. E resaltan que cómpre apagar completamente os equipos eléctricos (televisores, vídeos, aparatos musicais…), posto que a función stand-by implica un consumo enerxético que pode alcanzar o 10% do consumo do aparato en funcionamento. Ademais, dende o COBGA avogan por un correcto illamento das vivendas de nova construción, xunto coa optimización da iluminación natural e a implantación de sistemas de aproveitamento enerxético de alto rendemento e menor consumo.

Os biólogos apostan por diversificar a produción e consumo enerxéticos. “A diversidade na produción enerxética, cunhas medidas de aproveitamento eficiente, garantirá unha subministración constante, reducindo os impactos en caso de crise en sectores específicos de produción ou consumo” -declaran-.

Por último, o organismo colexial defende o fomento da produción enerxética mediante o aproveitamento de recursos renovables. Nesta liña, sinalan que “a enerxía da biomasa require un maior grao de implantación para a xeración de calor a escala doméstica e industrial, así como un maior protagonismo na xeración de electricidade.

Os biólogos destacan que a problemática ambiental derivada do consumo enerxético débena tratar profesionais cualificados

A crecente sensibilización ambiental impón a necesidade dun control máis exhaustivo sobre aqueles factores que poden supor unha degradación do medio. Por esta razón, os biólogos apuntan que se require “unha especialización e unha alta cualificación á hora de facer fronte á problemática ambiental derivada do consumo enerxético tanto nas actividades económicas como nas propias vivendas”.