Tres estudantes de Bacharelato representan a Galicia na Olimpíada Nacional de Bioloxía, que se celebra esta fin de semana en Granada
- Detalles
- Categoría: Colexio Biólogos Galicia
- Published: Xoves, 31 Marzo 2011 23:00
- Visitas: 1588
Seleccionaranse catro gañadores para participar na Olimpíada Internacional, que terá lugar en Taiwán en xullo
O pasado mes de xaneiro celebrouse a sexta edición da Olimpíada Galega de Bioloxía, en colaboración coa Xunta de Galicia, as tres universidades galegas e o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA-. Desta fase autonómica saíron tres vencedores, que agora representan a Galicia na Olimpíada Nacional. Trátase dos estudantes de Bacharelato Jorge Gómez Corral, do Colexio Marista Cristo Rey da Coruña; Javier Martínez Fernández, do IES Rodeira de Cangas; e Carmela Vázquez Calvo, do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago.
A Olimpíada Nacional de Bioloxía celébrase esta fin de semana na Facultade de Ciencias da Universidade de Granada. O propósito deste certame é seleccionar a catro estudantes para participar na Olimpíada Internacional de Bioloxía (IBO), que este ano terá lugar na capital de Taiwán, Taipei, no mes de xullo. Pola súa parte, os catro finalistas seguintes participarán na Olimpíada Iberoamericana, que nesta edición celebrarase en Costa Rica en setembro.
O biólogo Pedro Nozal Cantarero, organizador da fase galega, explica que as probas constan dunha fase teórica e outra práctica, que se realizan ao longo de dous días. O nivel das cuestións correspóndense aos programas que se imparten en primeiro e segundo de bacharelato. A parte práctica pretende descubrir se os participantes dispoñen dos coñecementos mínimos para desenvolvérense nun laboratorio. Así, deben saber como recoñecer os glúcidos, os lípidos e as proteínas; recoñecer estruturas básicas en vexetais e animais (crustáceos, peixes e moluscos); manexar unha lupa binocular e un microscopio; así como saber enfrontarse a unha serie de problemas prácticos. O certame comezou hoxe, coa realización do exame teórico. Mañá sábado terán lugar as probas prácticas.
Os gañadores daranse a coñecer o domingo. Os participantes dedicarán as tardes a realizar visitas culturais por Granada. Así, terán a oportunidade de coñecer a Alhambra e o Parque das Ciencias. O luns día 4 visitarán a Cueva de Nerja e a piscifactoría Sierra Nevada, un importante viveiro de esturións.