Os biólogos manifestan que a crise económica tamén afecta aos bosques, posto que diminuíron os investimentos destinados á conservación, recuperación e ordenación forestal sostible

ano_bosques_webEntre as principais ameazas para os bosques destacan a ausencia de planificación territorial, a tala, o urbanismo, as plantacións de piñeiro e eucalipto e a expansión de plantas invasoras

O vindeiro luns, 21 de marzo, celébrase o Día Forestal Mundial. Con motivo desta efeméride, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- quere lembrar que cada ano os bosques sofren unha deforestación de máis de 10 millóns de hectáreas, debido á actividade humana.

Segundo os datos proporcionados polo colectivo de biólogos, a escala mundial xa se ten destruído o 80% dos bosques primarios. E os que quedan están ameazados pola extracción de madeira, a súa  conversión a outros usos como a agricultura, os cultivos enerxéticos, a gandería, a especulación, a minería, os grandes encoros, as estradas e as pistas forestais, o crecemento demográfico e o cambio climático. Fronte a esta situación, o COBGA quere poñer de manifesto que a deforestación ocasiona o 20% das emisións de carbono en todo o mundo.

Por outro lado, os biólogos galegos sinalan que os incendios forestais afectan na Unión Europea a unhas 500.000 hectáreas cada ano. Esta cifra correspóndese á superficie media queimada nas tres últimas décadas e que tende a incrementarse. Os incendios forestais prexudican sobre todo aos países mediterráneos, entre eles España e en particular Galicia. “Cómpre ter en conta que as súas consecuencias ecolóxicas e económicas afectan ao desenvolvemento rural” -declaran os biólogos-. Non obstante, destacan a diminución, tanto no eido nacional como na comunidade galega, da superficie forestal queimada nos últimos anos.

Segundo o COBGA, España atópase entre os primeros países europeos en recursos forestais. “Case o 90% dos nosos bosques estanos a protexer contra a erosión do solo e a desertificación, contribuíndo ademais á regulación do ciclo hidrolóxico. O 10% restante son bosques produtivos” -indican-. Con respecto á súa conservación, consideran que a planificación e a xestión forestal non debe realizarse en contra do seu mantemento ou restauración. E, ademais, destacan a importancia de que na súa xestión se incorporen os requirimentos dos organismos especialistas no eido forestal.

Os expertos resaltan que na actualidade as principais ameazas para moitos dos nosos bosques son a ausencia de planificación territorial, a tala, o urbanismo, as plantacións de piñeiro e de eucalipto, a limpieza de ribeiras, a canalización de cursos fluviais e a expansión de plantas invasoras, entre outros problemas.

As políticas ambientais poden contribuír a saír da crise

Segundo a Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), unha das principais tendencias constatadas é a forte correlación que existe entre o desenvolvemento económico dunha rexión ou país e o estado dos seus bosques, de xeito que só cando se alcanza un alto nivel económico se consegue estabilizar ou incrementar a superficie forestal. Neste sentido, a crise económica tamén pode afectar aos bosques, xa que, aínda que se ten reducido a demanda de madeira, tamén diminuíron os investimentos destinados á conservación, recuperación e ordenación forestal sostible.

“En xeral, percíbese que as políticas ambientais de mitigación do cambio climático, conservación da biodiversidade… teñen pasado a un segundo ou terceiro plano ante a crise económica. O noso reto é unha vez máis conseguir que as políticas ambientais contribúan tamén a saír desta situación de crise” -manifesta o COBGA-.

O Ano Internacional dos Bosques

A Asemblea Xeral de Nacións Unidas declarou 2011 como Ano Internacional dos Bosques. Con esta iniciativa búscase concienciar á sociedade de que os bosques son parte integrante do desenvolvemento sostible do planeta, posto que contribúen de maneira significativa ao desenvolvemento, á erradicación da pobreza e ao logro dos obxectivos de crecemento do milenio. A ONU destaca ademais que os bosques están incluídos no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, na Convención Marco sobre o Cambio Climático, e na Convención de Loita contra a Desertificación. Resáltase así a súa función como reservorios de biodiversidade, reguladores climáticos e provedores de bens e servizos esenciais.

Coa celebración do Ano Internacional dos Bosques preténdese contribuír á súa conservación e recuperación, promovendo actuacións destinadas á ordenación sostible, así como ao retroceso da deforestación e da degradación forestal. Baixo o lema “Os bosques, para as persoas”, quere poñenerse de manifesto a responsabilidade que temos na súa protección, posto que son o lugar de vida de 300 millóns de persoas en todo o mundo, en especial de pobos indíxenas.