Os biólogos de Galicia piden que se tomen medidas urxentes contra a desaparición masiva de abellas

abellas1_webPropoñen a prohibición dun tipo de insecticidas fabricados a partir de nicotina, causa principal deste fenómeno “preocupante”

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- quere chamar a atención sobre a desaparición masiva de abellas, un fenómeno que se está a producir a escala mundial e que resulta moi preocupante. Ten importantes repercusións económicas, posto que moitos cultivos en todo o mundo son polinizados por abellas.

Este fenómeno, coñecido internacionalmente como Colony Colapse Disorder (Problema de Colapso de Colonias), caracterízase pola desaparición drástica dun gran número de abellas obreiras nos colmeares. Tal como explican os  biólogos, esta situación provócana sobre todo dous axentes biolóxicos. Por un lado, un ácaro parásito da abella, denominado Varroa, que lle absorbe o seu líquido circulatorio, co que diminúe o peso corporal do insecto. Non obstante, na actualidade, existe un amplio espectro de produtos para o tratamento desta enfermidade. Por outro lado, o Nosema apis é un parásito que causa unha doenza, a nosemose, que, aínda que é máis novidosa, tamén se pode tratar con bos resultados.

Empréganse insectidas que en países como Francia e Alemaña están restrinxidos dende hai máis de trinta anos

Pero, tal como informan os biólogos galegos, a causa máis preocupante da desaparición masiva de abellas hoxe en día é o uso de pesticidas, en concreto dos nicotinoides, denominados así porque están deseñados a partir da nicotina. Trátase dunha das máis novidosas clases de insecticidas que presentan un novo modo de acción con respecto aos tradicionais. Así, actúan sobre o sistema nervioso central dos insectos, provocándolles a parálise e a morte en poucas horas.

Un destes insecticidas máis usados é o Imidacloprid, que ten o perigo de que se absorbe a través das follas, polo que a súa efectividade é especialmente elevada sobre os insectos chupadores, ademais de posuír un efecto residual longo. Outro insecticida moi empregado é o Thiametoxam, que engade o risco de ser soluble en auga, da que poden beber as abellas. O uso destes dous tipos de insecticidas está restrinxido dende hai máis de trinta anos en países como Alemaña e Francia, onde os apicultores viron como o problema da desaparición de abellas diminuíu de xeito considerable. En España non están prohibidos pero os apicultores son conscientes da gravidade da situación. Así, dende o COBGA consideran que “a prohibición do uso deste tipo de pesticidas é a única maneira de deter este terrible fenómeno”.

Os biólogos recomendan que as colmeas se localicen lonxe de zonas de agricultura extensiva, para evitar os pesticidas

Dende o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia consideran que se deben tomar medidas firmes dende o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, a través do Programa Nacional Apícola, e tamén dende as Comunidades Autónomas. En Galicia, indican que este control podería exercerse dende os propios produtores, en particular do Consello Regulador Indicación Xeográfica Protexida “Mel de Galicia”, con medidas como a recomendación de localizar as colmeas lonxe de zonas de agricultura extensiva, onde o uso de pesticidas é moito máis importante.

Por outro lado, os biólogos destacan que tamén sería efectivo que, a través da Consellería de Medio Ambiente, se fomentasen as boas prácticas no manexo de fitosanitarios entre os agricultores. Nesta liña, sinalan que, na maior parte dos casos, hai un total descoñecemento do uso e dosificación deste tipo de produtos. “Empréganse de maneira excesiva, provocando estragos moi importantes no eido ambiental, unha de cuxas manifestacións máis claras é precisamente a exterminación da poboación apícola” -manifestan dende o COBGA-.