Un estudante da Coruña, outro de Cangas e un de Santiago gañan a Olimpíada Galega de Bioloxía

ganadores2011_webRepresentarán a Galicia na Olimpíada Nacional, que se celebrará en Granada no mes de abril

Ao longo da xornada de hoxe celebrouse na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago a sexta edición da Olimpíada Galega de Bioloxía. No certame participaron 106 estudantes de segundo de bacharelato de toda Galicia. Resultaron vencedores un estudante da Coruña, un de Cangas e outro de Santiago. Na organización do evento colaboraron a Xunta de Galicia, as tres universidades galegas e o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA-.

Os gañadores foron Jorge Gómez Corral, do Colexio Marista Cristo Rey da Coruña; Javier Martínez Fernández, do IES Rodeira de Cangas; e Carmela Vázquez Calvo, do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago. Cada unha das tres universidades galegas concederalles unha axuda de 300 euros por matriculárense en calquera das súas facultades.

Os tres finalistas galegos acudirán á fase nacional, que se celebrará en abril en Granada. O propósito das probas nacionais é seleccionar a catro estudantes para participar na Olimpíada Internacional de Bioloxía (IBO), que este ano terá lugar na cidade chinesa de Taipei en xullo. Pola súa parte, os catro finalistas seguintes participarán na Olimpíada Iberoamericana.

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, presidiu a entrega de premios. No acto de clausura tamén estiveron as decanas das Facultades de Bioloxía de Santiago e Vigo, o decano da Facultade de Ciencias da Coruña; a decana do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Mercedes Casal Jiménez; ademais do coordinador da Olimpíada Galega de Bioloxía, Pedro Nozal Cantarero, entre outras autoridades.

Os rapaces, ademais de participar nas probas, tiveron a oportunidade de facer un percorrido polos laboratorios e a nova biblioteca da Facultade de Bioloxía de Santiago. E asistiron a unha conferencia sobre “Biodiversidade e Extinción”, que impartiu o profesor de Zooloxía da USC Marcos González.

Os estudantes procedían de 33 centros da comunidade galega. Un total de 54 eran da provincia da Coruña, 37 de Pontevedra, 8 de Lugo e 7 de Ourense.