O venres celébrase en Santiago a Olimpíada Galega de Bioloxía, na que participarán 106 alumnos de bacharelato de 33 institutos de toda Galicia

ganadores2010_webNas probas competirán 54 estudantes da provincia da Coruña, 37 de Pontevedra, 8 de Lugo e 7 de Ourense

Por sexto ano consecutivo celébrase a Olimpíada Galega de Bioloxía, que terá lugar o vindeiro venres, día 14, na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago. Este certame diríxese aos estudantes de segundo curso de bacharelato e na súa organización colaboran o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA-, as tres universidades galegas e a Xunta de Galicia.

 

A organización do certame estableceu un número máximo de catro estudantes por centro educativo, ademais doutros catro suplentes por se algún dos seleccionados non se puidera presentar. Os aspirantes elixíronse en base ás cualificacións obtidas en Bioloxía e Xeoloxía no primero curso de bacharelato. Co fin de que participara o maior número de centros posible, escolleuse o estudante mellor cualificado de cada centro e, os restantes, ata que se completaron as prazas. Segundo os datos aportados polo coordinador destas probas na comunidade galega, o biólogo Pedro Nozal Cantarero, participarán un total de 106 alumnos de bacharelato, procedentes de 33 institutos de toda Galicia.

Nesta sexta edición da Olimpíada Galega de Bioloxía competirán 54 estudantes da provincia da Coruña, en concreto da cidade herculina e dos concellos de Brión, Cambre, Carballo, Narón, Oleiros, Padrón, Ponteceso e Santiago de Compostela. Os estudantes da provincia de Pontevedra, un total de 37, proceden das localidades de Caldas de Reis, Cangas, Lalín, Pontevedra e Vigo. Da provincia de Lugo participan 8 estudantes, dos concellos de Burela, Meira e Sarria. Por último, 7 alumnos da cidade das Burgas representarán a Ourense.

Tal como explica  Nozal, o certame consistirá na resolución dunha proba teórica tipo test e dunha proba práctica cos contidos de Bioloxía da ESO, de primeiro e de segundo de bacharelato, centrados na base molecular e físico-química da vida.

Os tres gañadores da fase galega representarán á comunidade autónoma na fase nacional, que este ano se celebrará en Granada no mes de abril. Ademais, cada unha das tres universidades galegas concederá unha axuda de 300 euros aos gañadores por matriculárense en calquera das súas facultades.