Os biólogos de Galicia mostran a súa satisfacción polo nivel que teñen os alumnos galegos de Secundaria en ciencias, tal como se recolle no último Informe Pisa

laboratorio_webDe tódolos xeitos, consideran que a ensinanza das ciencias require máis recursos humanos e materiais

O Informe PISA -Programa para a Avaliación Internacional de Alumnos- examina ata que punto os estudantes que están a rematar a educación obrigatoria teñen adquirido algúns dos coñecementos e habilidades necesarios para a súa “participación plena” na sociedade do saber. En concreto, mídese a competencia dos alumnos de 15 anos en lectura, matemáticas e ciencias; ao tempo que se analiza unha ampla gama de resultados educativos, como a motivación dos rapaces por aprender, a concepción que teñen sobre si mesmos e sobre as súas estratexias de aprendizaxe. Nesta iniciativa, promovida pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e que se realiza cada tres anos, participan tódolos estados membros da OCDE, así como varios países asociados.

Con motivo da publicación do Informe Pisa 2009, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- quere manifestar a súa “satisfacción” polo feito de que o nivel en ciencias non ten sufrido un retroceso na comunidade galega en comparación cos resultados do informe anterior. De tódolos xeitos, os representantes do organismo colexial resaltan que “o esforzo na ensinanza das ciencias require máis recursos humanos e materiais, o que permitiría mellorar os resultados en futuros informes, situando a Galicia en mellores posicións da clasificación por provincias e no conxunto da Unión Europea”.

Tal como declaran os biólogos, “a difusión, divulgación e ensinanza das ciencias deberían ser obxectivos prioritarios de calquera Administración educativa”. Así, sinalan que compriría mellorar os recursos dos centros de ensino, ademais de fomentar a formación dos docentes. Nesta liña, dende o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia manifestan que “tendemos unha vez máis a man á Administración educativa para o desenvolvemento de plans de formación de profesores de ciencias, así como para traballar na divulgación e no ensino das ciencias a tódolos niveis”.