O Colexio de Biólogos de Galicia mostrará nun curso diferentes técnicas destinadas á creación de ideas no seo das empresas

empresa_webDaranse as coñecer ferramentas de xestión da innovación, de cara a mellorar o rendemento empresarial

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA-, en colaboración coa consultora Grupo PFS, vai celebrar un curso sobre “Ferramentas de xestión da innovación”. Terá lugar os días 8 e 9 de novembro, na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago. Diríxese a traballadores en activo, en particular a empresarios, xerentes, directivos, mandos intermedios e técnicos interesados na xestión da I+D+i.

 

Con este seminario-taller preténdese comunicar aos asistentes a importancia da innovación a través da implantación de determinadas metodoloxías e dinámicas de procesos. “O curso vai encamiñado a que os traballadores, na súa actividade laboral, teñan capacidade de extraer o coñecemento da empresa e plasmalo nun proxecto de I+D+i” -explica o consultor Enrique Pena González-. Nesta liña, informáraselles sobre que ferramentas poden empregar de cara a xestionar actividades neste eido na empresa.

O experto manifesta que “non é habitual que as empresas aproveiten a bagaxe de coñecementos dos seus traballadores para logo transformala nunha innovación ou nunha investigación, de aí a importancia de estruturar este coñecemento para que non se perda e a empresa poida empregalo para a resolución de problemas e a obtención de beneficios”.

Durante o curso abordarase a implantación nas empresas de sistemas de vixilancia tecnolóxica. Tal como explica unha das profesoras, Luisa Piñeiro, experta en sistemas de xestión, “é un proceso que axuda na toma de decisións”.

Por outro lado, nestas xornadas trataranse diferentes técnicas destinadas á creación de ideas, de cara a enfrontar determinadas estratexias empresariais, traballar na posta en marcha de novos produtos, facer fronte á solución de problemas... Tamén se darán a coñecer ferramentas que permitan valorar as ideas e determinar cales son as mellores en cada caso.