O Colexio de Arquitectos e o Concello de Vigo asinan un convenio para a posta en marcha dun proxecto de tramitación de licenzas dixitais

convenio__Concello_VigoComezará a aplicarse desde mañá en todos os ámbitos profesionais que deban someterse a licenza urbanística ou revisión municipal

É unha ferramenta que permite aforrar tempo e custos e favorece unha maior transparencia


O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) e o Concello de Vigo asinaron hoxe un convenio de colaboración para traballar conxuntamente na implantación do sistema de obtención de licenzas dixitais en todo o ámbito da edificación municipal. Trátase dun proxecto piloto para o intercambio telemático de información que comezará a funcionar a partir de mañá martes, 8 de xuño. O acto, que se celebrou na casa consistorial viguesa, estivo presidido polo alcade do Concello de Vigo, Abel Caballero; o decano do COAG, Celestino García Braña; ademais do concelleiro de Urbanismo, José Manuel Mariño; o presidente da delegación de Vigo do COAG, Salvador Fraga; e o vogal da Xunta de Goberno do colexio, Mariano de Labra.
O convenio permtirá establecer un novo marco que supoña un impulso na redución dos trámites e procedementos para a promoción e a reactivación económica do sector. O acordo ten como finalidade alcanzar a eliminación de cargas administrativas, o establecemento de novos mecanismos de relación cos distintos axentes implicados no impulso da actividade empresarial e profesional, a reafirmación da aposta pola Administración Electrónica e a simplificación e modernización procedimental.

Coa actuación coordinada das partes asinantes conseguirase unha mellor estruturación e calidade técnica dos proxectos e unha maior rapidez, economía de medios materiais e persoais no seu envío telemático, na liña do establecido na Lei 17/2009 -Lei paraugas- de libre acceso de actividades de servizos e o seu exercicio, e na Lei 25/2009 -Lei ómnibus-.

“A implantación do visado dixital na Administración local de Vigo permitirá a obtención de permisos e licenzas no ámbito da edificación e o urbanismo aforrando tempo e custos e favorecendo a transparencia e control da legalidade urbanística” –indicou García Braña. Outras vantaxes relevantes son a axilidade e redución de papel, simplicidade, solvencia técnica, seguridade xurídica, economía de medios, máis funcionalidades, menos burocracia e mellor defensa dos consumidores.

García Braña lembrou que o visado dixital do colexio galego está avalado pola firma de cualificación europea AENOR. Ademais destacou as conversas mantidas coa Consellería da Presidencia en relación á posta en marcha do procedemento de tramitación telemática das licenzas municipais en toda Galicia, a política de concursos de arquitectura para a obra pública, lei Ómnibus e ventanilla única.

Abel Caballero destacou que Vigo é a primeira cidade de Galicia que poderá visar licenzas e tramitar documentación urbanística a través de Internet. Segundo explicou o rexedor vigués, as solicitudes de trámites e licenzas urbanísticas aceleraranse mediante este acordo xa que “xa non circulará un só papel” na Xerencia de Urbanismo viguesa procedente de calquera arquitecto de Galicia.

Para poñer en marcha este proxecto precisarase unha pasarela telemática para o envío e recepción dos proxectos técnicos unha vez visados dixitalmente polo COAG, enclavada dentro do proxecto de implantación das licenzas telemáticas na Xerencia Municipal de Urbanismo. Habilitarase un sistema para o intercambio telemático de información, que permita ao Concello de Vigo, coa conformidade do solicitante da licenza urbanística do proxecto, así como dos redactores do mesmo, obter o devandito proxecto en formato electrónico. Así, os titulares non terán a obriga de achegalos en papel aos diferentes departamentos administrativos.

Obrigas dos asinantes

No marco do convenio, o concello de Vigo comprométese a recadar a autorización dos interesados para o intercambio de información entre o COAG e o Concello da forma máis idónea. Pola súa parte, o COAG recadará a autorización dos arquitectos ou sociedades colexiadas para o intercambio de información entre o COAG e o Concello.

O acordo establece tamén que as partes garantirán a plena confidencialidade dos datos e a información, en particular a referida aos de carácter persoal. No prazo máximo de quince días a partir de hoxe constituirase unha Comisión de Seguimento e Coordinación formada por tres representantes de cada institución. O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2010.

O COAG tramita o 79% polo sistema de visado dixital

O COAG iniciou o desenvolvemento desta ferramenta tecnolóxica en 2004, e desde aquela ata hoxe leva visados por este procedemento 23.556 expedientes, que conteñen millón e medio de ficheiros cun peso total de 600 xigabytes. Na actualidade visa con esta ferramenta o 79% dos proxectos e expedientes que recibe.