O Colexio de Arquitectos selecciona como finalistas dos Premios COAG a 32 obras de vivenda, equipamento, reforma interior, espazos abertos públicos e ordenación do territorio, entre outras categorías

Presentacin__COAGA entrega de premios celebrarase o 14 de febreiro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, nunha gala dirixida polo director de cine Ángel de la Cruz, presentada pola actriz María Mera e amenizada co humor de Rober Bodegas

Estas distincións recoñecen as mellores obras da arquitectura galega do último bienio

O Colexio de Arquitectos de Galicia presentou hoxe na súa delegación da Coruña os finalistas da décimo quinta edición dos Premios COAG e a cerimonio de entrega destas distincións. No acto, participaron o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), Fernando Agrasar; o director comercial do Grupo Desarrolla –principal patrocinador do evento–, Gerardo Collazo; e a actriz María Mera, que presentará a cerimonia.

Os Premios COAG recoñecen as mellores obras da arquitectura galega, visadas e executadas no ámbito territorial do Colexio de Arquitectos no último bienio correspondente a obras acabadas entre o 31 de xullo de 2010 e o 31 de xullo de 2012. En total, rexistráronse 193 candidaturas [por categorías, Vivenda con 67; Equipamento con 36; Espazos abertos públicos, 14; Ordenación do territorio, 7; Reforma interior, 28; Divulgación e investigación, 24; Obra novel, 6; Final de carreira, 11].

O xurado estivo composto polo decano do Colexio de Arquitectos como presidente, e por catro vogais designados pola Xunta de Goberno da institución, o director da ETSAC, Fernando Agrasar, e tres arquitectos de prestixio de fóra de Galicia: José María Sánchez, Juan Domingo Santos e José María Echarte. Os membros do xurado avaliaron detidamente todas as propostas recibidas e fixeron unha selección previa de catro obras por categoría, destacando a súa alta calidade e a ampla participación. A selección dos proxectos premiados en cada categoría darase a coñecer nunha gala que se celebrará o vindeiro 14 de febreiro na Coruña.

Jorge Duarte destacou a gran dificultade que tivo o xurado á hora de escoller as obras finalistas polo número de proxectos presentados e a súa alta calidade. As obras caracterízanse por un formato pequeno e a dispersión por diferentes concellos do territorio galego, aspecto que permite gozar dos proxectos a unha ampla maioría da poboación. “Dar a coñecer estas obras á cidadanía é un labor fundamental do Colexio de Arquitectos” –salientou Duarte–. Unha parte das 193 propostas presentadas a concurso son traballos cun presuposto modesto, de menor tamaño e acondicionamento interior, pero que manteñen intacta a súa calidade arquitectónica. Ademais, o decano agradeceu a colaboración, por segundo ano consecutivo, do Grupo Desarrolla que permitirá desenvolver a gala de entrega de premios á que están invitados todos os colexiados e o público en xeral.

Gerardo Collazo destacou que este patrocinio é unha sinal de apoio de Desarrolla á boa arquitectura e aos estudios que xeran estas ideas construtivas.

Cerimonia no Teatro Rosalía

Para entregar estes prestixiosos galardóns da arquitectura galega máis destacada do momento, o Colexio de Arquitectos de Galicia organizará unha cerimonia o próximo 14 de febreiro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña (rúa Riego de Agua, 37). O evento, que comezará ás 20:30 horas, estará dirixido polo director de cine Ángel de la Cruz, e presentado pola actriz galega, coñecida entre outros traballos polo seu papel na serie de TVG “Matalobos”, a televisiva María Mera. A actriz sinalou o carácter festivo da gala, amenizada por varios monologuistas galegos, e invitou aos cidadáns a pasar un anaco divertido. Esta gala será unha reunión social de todos os representantes da arquitectura galega, que contará coa participación dos humoristas e monologuistas galegos Rober Bodegas e David Perdomo, para aportar un toque distendido á noite e despertar as risas dos asistentes entre premio e premio, e o acompañamento musical do grupo vocal madrileño Yoop!.

Reestruturación do patrimonio colexial

Por outra parte, Jorge Duarte aclarou que nunha situación continuada de crise do sector da edificación, o Colexio de Arquitectos de Galicia pretende achegar o seu traballo á sociedade nunha “defensa continua do labor arquitectónico como valor engadido a un proxeto construtivo”. Duarte explicou que para controlar os problemas de liquidez da entidade é necesario reducir prestacións presenciais aos colexiados e substituílas por servizos telemáticos, ademais de axustar o patrimonio poñendo á venda ou aluguer “propiedades inmobiliarias desmesuradas para os usos actuais” co obxecto de reducir a carga hipotecaria. Nesta tesitura, o decano puntualizou que as sete delegacións do Colexio non desaparecerán, xa que son un nexo de unión entre colexiados, administracións e cidadáns.