O Colexio de Arquitectos de Galicia declara que a consolidación do borrador da Lei de Servizos Profesionais podería poñer en perigo o traballo do sector produtivo ligado á arquitectura

XuntaJorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos:

“A arquitectura está recoñecida na nosa sociedade como unha actividade específica de interese público, cultural e social, por responder ás necesidades das persoas que esixen un medio físico axeitado para o desenvolvemento da actividade cotiá con garantía expresa de seguridade”

A xunta de goberno do Colexio de Aquitectos de Galicia emitiu hoxe un comunicado oficial e unitario aprobado polo Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España

O Colexio de Arquitectos de Galicia emitiu hoxe unha declaración para manifestar a súa posición ao respecto do borrador da Lei de Servizos Profesionais (LSP). O acto, que se celebrou na sede da Casa da Conga de Santiago, estivo dirixido polo decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, acompañado por outros membros da xunta de goberno, cos que celebrou unha reunión extraordinaria onde acordaron por unanimidade emitir o comunicado en defensa da arquitectura e da profesión ante a sociedade. Trátase dunha declaración oficial e unitaria en defensa da arquitectura, aprobada onte por conseso no pleno extraordinario de conselleiros do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) no que participaron directores de Escolas Técnicas de Arquitectura, representantes dos estudantes de arquitectura, o Consejo General de la Arquitectura Técnica de España, o Sindicato de Arquitectos e Colexios de toda España.

Segundo manifestou Duarte, a consolidación do borrador podería poñer en perigo o traballo do sector produtivo ligado á arquitectura, pois a confusión entre a arquitectura e outras profesións pode provocar unha concentración da actividade das oficinas técnicas, contraria á desexable competencia dentro do sector. “A arquitectura está recoñecida na nosa sociedade como unha actividade específica, de interese público e cultural, cunha lóxica disciplinar e académica propia, non só pola súa importancia como patrimonio cultural, senón por ser na arquitectura onde se responde ás necesidades das persoas, particularmente aquelas que esixen un medio físico axeitado para o desenvolvemento da actividade cotiá con garantía expresa de seguridade” – indicou Duarte–.

Segundo manifestou o Colexio de Arquitectos de Galicia, a arquitectura é unha disciplina profesional cunha elevada carga social que mellora as condicións de vida dos cidadáns, aportando solucións á sociedade para enriquecer o espazo público e a habitabilidade e deseñando as liñas mestras dunha axeitada rexeneración e rehabilitación urbana, unha equilibrada política de vivenda e territorio, baixo os parámetros actuais de eficiencia e aforro enerxético. A modificación dos servizos profesionais de arquitectura revertería nunha perda de garantías de habitabilidade e seguridade para todos os cidadáns. Así, o Colexio de Arquitectos de Galicia quere destacar o valor da arquitectura como un dereito da sociedade.

A declaración continuou explicando que o recoñecemnto universal da arquitectura motivou á Unión Europea a promulgar unha Directiva específica onde se precisan con detalle os coñecementos mínimos cos que debe cualificarse o profesional que exerza a arquitectura, que tamén universalmente é chamado arquitecto. “A arquitectura española, e en consecuencia a galega, conseguiu un prestixio e recoñecemento social que trancende as nosas fronteiras, ata o punto de ser referencia internacional de boa práctica” –apuntou o decano dos arquitectos galegos–. Neste punto, a consolidación dunha formación integral, con contidos tecnolóxicos propios para a materialización dos edificios, xerou un modelo de “indudable excelencia” que se pode apreciar na calidade das Escolas Técnicas de Arquitectura.

Ademais, Jorge Duarte fixo referencia neste comunicado á función da lexislación que confirma a responsabilidade do arquitecto, como titular axeitado, para garantir á sociedade o cumprimento das distintas esixencias de calidade e seguridade das persoas en función dos distintos usos.

A Lei de Ordenación de la Edificación de 1999 (LOE) determina con precisión os cometidos e funcións de cada un dos axentes que interveñen e, entre eles, as profesións e as atribucións que corresponden ao sector da edificación. “Un inaxeitado cambio deste marco regulador significaría unha quebra do sistema público de garantías na protección dos dereitos dos cidadáns, contraria á ordenado polo Parlamento Europeo e a súa Directiva.

Desde as institucións do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) e os seus Colexios territorias programáronse para os próximos días reunións con diferentes estamentos da Administración, co obxecto de colaborar nun redactado do proxecto de Lei de Servicios Profesionais, que contribúa á mellor práctica da arquitectura e do resto de profesións técnicas con incidencia no sector da edificación.