Rotunda oposición do Colexio de Arquitectos de Galicia ao Proyecto de Ley de Servicios Profesionales

duarteO Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia manifesta a súa rotunda oposición ao borrador da Ley de Servicios Profesionales (LSP), preparado polo Ministerio de Economía y Competitividad.

Encabezando o descontento dos arquitectos de toda España fronte a esta reforma lexislativa, o presidente do Consejo Superior dos Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), Jordi Ludevid, enviou unha carta ao ministro e a todos os arquitectos nas que se expresa a vontade de utilizar todos os medios ao noso alcance para evitar o ataque á profesión que supón este borrador da Ley de Servicios Profesionales.

Este borrador da Ley modifica a Ley de Ordenación de la Edificación (LOE) suprimindo as disposicións que regulan as atribucións profesionais que nos asignan a competencia como proxectistas e directores de obra dos edificios residenciais, culturais, docentes ou relixiosos, de modo que os enxeñeiros poderían proxectar e dirixir todo tipo de edificios, aínda que nunca tiveron a formación precisa para esto. Se pese ás xestións que estamos a facer a todos os niveis se confirmase esta desregulación nos termos que figuran no Borrador de Ley de Servicios Profesionales, suporía un novo e durísimo golpe contra o traballo dos arquitectos e tamén sobre a valoración do que aporta a arquitectutra para a mellora da calidade de vida e o benestar da nosa sociedade. Como argumentos desta drástica oposición á LSP que mostra o CSCAE e respaldamos desde o Colexio de Arquitectos de Galicia convén destacar os seguintes:

 

. A modificación das atribucións que a LOE recoñece aos arquitectos, no ámbito edificatorio, ampliándoa aos enxeñeiros, é un incumprimento patente e grave da Directiva europea 2005/36/CE, no que se refire ás atribucións dos arquitectos e unha agresión á natureza de interese público da Arquitectura que proclama a devandita Directiva, trasposta ao ordenamento xurídico español.

. Doutra parte fragmentaríase o sistema universitario de títulos oficiais deseñado no Real Decreto 1393/2007, que se veu construíndo nos últimos cinco anos, cimentado na correlación que debe existir entre títulos universitarios, plans de estudo e atribucións profesionais.

. E tamén se produciría unha grave quebra do sistema de garantías de seguridade, calidade e responsabilidades no proceso edificatorio que a LOE establece, por canto a devandita reserva competencial dos arquitectos, constitúe o instrumento necesario para tales fins e para a protección dos intereses de usuarios e consumidores.

. Por outra parte, resulta evidente que a seguridade do uso dos edificios concretada nos requisitos da LOE e detalladas no Código Técnico da Edificación só pode ser garantida polos arquitectos, única profesión que ten a través dos seus estudos os coñecementos e competencias formativas para a súa realización responsable.

Desde o Colexio de Arquitectos de Galicia reiteramos a nosa disposición a traballar con todas as nosas forzas, para defender o traballo dos arquitectos ante os ataques do Ministerio de Economía á nosa profesión, e tamén, para poder explicarlle aos cidadáns, o que pode aportar a arquitectura para mellorar o seu entorno habitado.

Nesta liña de traballo unitaria de toda a profesión en defensa do valor da arquitectura e o traballo dos arquitectos, estase a traballar en coordinación co CSCAE e con todos os Colexios e Escolas de Arquitectura de España en todo tipo de accións en defensa da Arquitectura.